Noticias

Usamos cookies con el objetivo de mejorar la experiencia de nuestro visitantes. Visita la página de Política de privacidad para conocer más detalles.

O Concello substitúe os bancos do paseo da praia de Cesantes nunha aposta pola mellora da zona en beneficio das persoas usuarias

Concello de Redondela
06-04-2022
0
O Concello substitúe os bancos do paseo da praia de Cesantes nunha aposta pola mellora da zona en beneficio das persoas usuarias

O investimento, de preto dos 6000 euros, fíxose con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra

O Concello de Redondela deu por rematados os traballos de substitución de todos os bancos que se atopan no paseo marítimo da praia de Cesantes, unha actuación que contou cun investimento de 5863,64 € (IVE incluído) e que se financiou a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

As labores de substitución destes elementos do mobiliario urbano “absolutamente deteriorados tanto pola súa antigüidade como polo feito de atoparse nun lugar no que ten que soportar unhas duras condicións meteorolóxicas” supoñen para alcaldesa Digna Rivas “unha clara aposta pola mellora das nosas zonas de lecer que redundará en beneficio das persoas usuarias”.

Os novos bancos, especialmente preparados para resistir á intemperie, contan con pes de fundición dúctil con tratamento Ferrus –proceso protector do ferro que garante unha óptima resistencia á corrosión– acabado con imprimación epoxi e pintura poliéster en po cor negro.

A bancada está composta por seis taboleiros de 110 x 35 cm de madeira tratada con protector funxicida, insecticida e hidrófugo de cara a limitar os danos causados polas condicións meteorolóxicas, con acabado en cor natural e parafusos de aceiro inoxidable.

A altura dos asentos, que nas dúas patas anteriores terán o escudo do Concello de Redondela, é de 45 centímetros e unha lonxitude total aproximada de dous metros.

“O paseo da praia de Cesantes é un lugar extraordinariamente frecuentado durante todo o ano –apunta a alcaldesa Digna Rivas– polo que é preciso que as veciñas e veciños que o desfrutan poidan tamén contar cun mobiliario urbano en perfecto estado”.

A rexedora local quixo tamén poñer en valor a importancia que o Plan Concellos da Deputación de Pontevedra ten para os municipios da provincia “distribuíndo fondos con criterios obxectivos e equitativos, sen ter en conta a cor política que teña o Concello, e deixando decidir aos Gobernos locais as obras a realizar, algo do que poderían tomar boa nota outras administracións”, concluíu Digna Rivas.