Noticias

Usamos cookies con el objetivo de mejorar la experiencia de nuestro visitantes. Visita la página de Política de privacidad para conocer más detalles.

O redondelán Antonio Figueroa e o catalán Óscar Griño unirán os catro grandes hospitais de Galicia nunha carreira solidaria de 412 km

Concello de Redondela
17-06-2022
0
O redondelán Antonio Figueroa e o catalán Óscar Griño unirán os catro grandes hospitais de Galicia nunha carreira solidaria de 412 km

A proba, non competitiva, busca recadar fondos para axudar as organizacións que apoian e acompañan ás familias con nenos e nenas que padecen cancro infantil

Percorrer os 412 quilómetros que separan aos catro grandes hospitais galegos en 120 horas. Ese e o reto que afrontarán o redondelán Antonio Figueroa e o catalán Óscar Griño nunha iniciativa que busca recadar fondos para ser destinados ás diferentes organizacións que apoian e acompañan ás familias con nenos e nenas que padecen cancro infantil.

Antonio Figueroa foi recibido na Casa do Concello pola alcaldesa Digna Rivas e o concelleiro de Deportes, Nacho González, nun acto no que a rexedora local gabou a iniciativa “que ven a poñer de manifesto que á hora de falar de accións solidarias, sempre hai un ou unha redondelá en primeira liña”.

A alcaldesa expresou o apoio do Concello, tal e como o adiantara o concelleiro de Deportes “prestando apoio loxístico ao desenvolvemento desta iniciativa tan fermosa como importante”.

Pola súa banda os organizadores explicaron que se trata dunha carreira non competitiva, polo que non haberá dorsais, e as persoas que se animen a facer algúns quilómetros con Antonio Figueroa e Óscar Griño poderán facelo cunha doazón de 1 euro por cada quilómetro que percorran. “Canta máis xente anímese a facer este desafío con nós, máis diñeiro achegaremos ás asociacións que axudan as familias das nenas e nenos oncolóxicos”, explican os organizadores.

Para os que non poidan facer parte do percorrido e queiran contribuír a este reto solidario, na páxina web https://solidaria.galiciamaxica.org/ pode atoparse información de como facelo, amais de todos os datos complementarios sobre a proba e os percorridos.

Amais, entre as persoas colaboradoras –tanto corredores/as como aquelas que fagan doazóns–, haberá un sorteo de agasallos como unha TV, camisetas de deportistas ou dous pandeiretas asinadas por Susana Seivane, entre outros.