Noticias

Usamos cookies con el objetivo de mejorar la experiencia de nuestro visitantes. Visita la página de Política de privacidad para conocer más detalles.

Redondela deseña un proxecto singular para dotar a praia de Cesantes de iluminación autosuficiente

Concello de Redondela
18-12-2023
0
Redondela deseña un proxecto singular para dotar a praia de Cesantes de iluminación autosuficiente

O Concello de Redondela e a startup Himikode dan os primeiros pasos para o deseño dun proxecto que dote o litoral de Cesantes dun sistema de iluminación con enerxía solar e eólica que sexan autosuficientes. As luminarias, con sensores intelixentes, optimizan os horarios de encedido, monitorizan a temperatura, calidade do aire, etc. “co que se pode planificar mellor as necesidades de cada momento optimizando os recursos”, explica o concelleiro de Infraestuturas e Sostibilidade, Roberto Villar. Se o proxecto resulta viable “este modelo poderá trasladarse ás novas humanizacións que se realicen no municipio”, explica o concelleiro de Urbanismo e Transición Ecolóxica, Antonio Cabaleiro.

O Concello de Redondela e a startup Himikode dan os primeros pasos para o deseño dun proxecto para dotar o litoral de Cesantes dun sistema de iluminación con enerxía solar e eólica integradas en luminarias autosuficientes.

O Concello de Redondela, en colaboración coa startup galega Himikode, dan o primeiro paso para o deseño dun proxecto singular co obxectivo de impulsar a sustentabilidade e mellorar a calidade de vida de todos os residentes e visitantes do municipio. O proxecto céntrase na renovación do sistema de iluminación da praia de Cesantes utilizando sistemas multifuncionais, e as concellerías de Sostibilidade e Urbanismo están a estudar a súa viabilidade. Estes sistemas integran fontes de enerxía renovable, como a enerxía eólica e solar, para garantir unha iluminación autosuficiente. Ademais, incorporan unha xestión intelixente que axusta o aceso e apagado das luces segundo as necesidades reais, reducindo así a dependencia de combustibles fósiles e diminuíndo a pegada de carbono, cunha instalación sen necesidade de obra civil. Estes sistemas poden adaptarse ás necesidades da contorna integrando sensores intelixentes que monitorizan a calidade ambiental, niveis de ruído, contaminación, temperatura ou a afluencia de persoas, entre outras cousas. Isto asegura unha contorna máis saudable, sustentable e seguro para todos. Esta información pode coñecerse en temo real, “o que permite ao Concello comprender mellor os impactos do cambio climático e o uso que a comunidade fai da contorna”, segundo explica o concelleiro de Infraestruturas e Sostibilidade, Roberto Villar. Deste xeito “pódense planificar máis facilmente a actuacións máis axeitadas ás necesidades da veciñanza e aos visitantes”, sinala Villar. Con este proxecto pioneiro o Concello de Redondela aspira a situarse na vangarda da innovación tecnolóxica “e demostra o seu compromiso coa sostibilidade na planificación urbana e a xestión do territorio”. O concelleiro de Urbanismo, Antonio Cabaleiro, avanza que de ser viable, este proxecto levarase a futuras obras de humanización no municipio. O obxectivo final é “adaptar estas iniciativas ás necesidades reais da poboación e os visitantes, asegurando unha contorna máis habitable para todos”, conclúe o concelleiro.