Noticias

Usamos cookies con el objetivo de mejorar la experiencia de nuestro visitantes. Visita la página de Política de privacidad para conocer más detalles.

A Concellería de Deportes cede locais no pavillón de deportes da Marisma a catro clubs redondeláns

Concello de Redondela
30-09-2021
0
A Concellería de Deportes cede locais no pavillón de deportes da Marisma a catro clubs redondeláns

Asociación Deportiva CAR, CPA Bolboreta, CB Redondela e FS Redondela poderán dispor de instalacións na propia instalación deportiva e ven cumprida unha vella reivindicación. A Asociación Deportiva CAR de atletismo, o CPA Bolboreta de patinaxe artística, o Fútbol Sala Redondela e o Club Baloncesto Redondela, contan xa con locais no pavillón de deportes da Marisma. Cumpre a Concellería de Deportes do Concello redondelán, que xestiona Nacho González, unha vella reivindicación destes catro clubs que, entre os que levan xa tempo funcionando no municipio, eran os únicos carecían de locais que lles facilitaran o seu traballo.

“A nosa intención –explica González– é que todos os clubs redondeláns poidan contar con dependencias que lle faciliten o seu traballo”. Nestes momentos, tal e como sinala o responsable de Deportes, case que a totalidade dos clubs que levan tempo desenvolvendo a súa actividade, teñen locais nos que almacenar o material ou ter oficinas nas que realizar os trámites.

O certo é que Redondela, que cada día conta con máis actividade deportiva nas máis diversas disciplinas, conta con clubs de recente creación “aos que se lles buscará acomodo, pero primeiro quedaba resolver o que case poderíamos definir como unha débeda histórica cos que xa levan tempo competindo”, explica a alcaldesa Digna Rivas.

O poder dispoñer destes locais permite que os clubs aforren en alugamento de locais nos que desenvolver o seu traballo e, ao mesmo tempo e dado que ditos locais están no propio pavillón de deportes, facilita que se poida deixar o material deportivo neles e non ter que trasladalo, diariamente, dende o pavillón a outros lugares coa incomodidade que iso representa.

A cesión destes locais, engade a alcaldesa de Redondela, “responde á política que desenvolve a Concellería de Deportes de apostar polo deporte local”. Ese apoio “non só se debe traducir nas axudas que xa se prestan, senón que tamén é estar en contacto directo e permanente con eles, escoitar as súas demandas e dar resposta, o máis rápida posible e dentro das posibilidades do Concello, ás súas necesidades como, neste caso, de locais no propio pabillón”.

Aos novos clubs, que agora comezan agora ou que aínda teñen unha corta traxectoria, tanto a alcaldesa como o concelleiro de Deportes foron claros na súa mensaxe ao asegurar que “contarán sempre co apoio do Concello. En Redondela non hai deportes de primeira nin de segunda categoría hai, simplemente, deporte e deportistas de diferentes disciplinas e como tales, terán a axuda da Concellería”.