Noticias

Usamos cookies con el objetivo de mejorar la experiencia de nuestro visitantes. Visita la página de Política de privacidad para conocer más detalles.

O Concello inicia unha campaña informativa sobre o protocolo de actuación fronte á vespa velutina

Concello de Redondela
31-01-2022
0
O Concello inicia unha campaña informativa sobre o protocolo de actuación fronte á vespa velutina

As charlas, impartidas polos membros do SEIS Redondela (Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento), desenvolveranse nas diferentes parroquias do municipio

O Concello de Redondela, a través da Concellería de Medio Ambiente que xestiona Alberto Álvarez, iniciará este vindeiro venres, 4 de febreiro, unha serie de charlas informativas nas parroquias do municipio, nas que se darán a coñecer os protocolos de actuación fronte á vespa velutina.

A primeira das charlas, que serán impartidas por persoal do SEIS Redondela (Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento) terá lugar o vindeiro venres, 4 de febreiro, no Centro Cultural de Cedeira, ás 19 horas.

A partir de aí, as actividades máis inmediatas serán as do Centro Cultural de Reboreda (luns 7 de febreiro ás 19:30 h), Centro Cultural de Vilar (martes 8 de febreiro ás 19:30 horas), Centro Cultural de Soutoxusto (mércores 9 de febreiro ás 19:30 horas), e Centro Cultural A Miñoteira Ventosela (xoves 10 de febreiro ás 19 horas), finalmente, o venres 10 de febreiro e para rematar a semana, desenvolveranse dúas charlas, unha primeira no Centro Sociocomunitario de Trasmañó ás 18:30 horas e a segunda no Centro Cultural de Cabeiro ás 19:30 horas.

Na semana seguinte, tal e como puntualiza a alcaldesa Digna Rivas, a iniciativa percorrerá as parroquias de Cabeiro, O Viso, Cesantes, San Estevo, Saxamonde e Chapela.

Digna Rivas lembrou a importancia de saber como actuar para frear a proliferación de vespa velutina “que afecta muy seriamente á biodiversidade e que afecta, principalmente, aos insectos polinizadores como poden ser as abellas”.

No decurso das charlas informativas veciñas e veciños recibirán información polo miúdo de como facer correctamente o trampeo para velutinas e o protocolo a seguir no caso de atopar un niño. Cómpre salientar que nestes últimos tempos incrementouse de xeito considerable o número de niños de velutina situados no chan, entre a maleza ou a alturas baixas, co conseguinte perigo que iso supón para as persoas que estean realizando labores de limpeza nas fincas.