Noticias

Usamos cookies con el objetivo de mejorar la experiencia de nuestro visitantes. Visita la página de Política de privacidad para conocer más detalles.

O éxito das cabinas literarias supera todas as expectativas

Concello de Redondela
09-01-2024
0
O éxito das cabinas literarias supera todas as expectativas

As catro cabinas literarias de Redondela, que comezaron a funcionar hai menos dun ano cuns poucos exemplares, contan xa con ducias de libros de todo tipo doados pola veciñanza e volumes editados polo Concello de Redondela sobre as súas parroquias. A alcaldesa Digna Rivas amósase moi satisfeita pola boa acollida desta iniciativa, tanto polas achegas da cidadanía como polo uso responsable que están a facer destas instalacións visitantes e veciños de todas as idades.

Redondela conta con catro cabinas literarias, instalacións de telefonía en desuso que foron reconvertidas en pequenas bibliotecas para uso da veciñanza e visitantes. A idea, pioneira na provincia de Pontevedra, ofrece libros en préstamo e a cidadanía pode facer as súas doazóns. As cabinas están instaladas no centro da vila: Fonte de Santiago, Praza da Constitución e Praza de Ponteareas, e tamén na Av. de Redondela en Chapela. Trátase dunha iniciativa do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela, coordinado pola alcaldesa Digna Rivas, que se puxo en marcha en marzo do pasado ano. Rivas amósase “moi satisfeita coa boa acollida deste proxecto” no que se aproveita mobiliario urbano de espazos públicos “para converterse en espazos culturais abertos”.

A alcaldesa sinala que, en menos dun ano, “a cantidade de libros multiplicouse grazas ás doazóns da cidadanía e hai de todo tipo: novelas, contos infantís, literatura xuvenil ou libros de historia, entre outros, ademais de exemplares que o Concello edita sobre Redondela”. A acollida destas cabinas literarias é moi boa “e son moitos os veciños de todas as idades e tamén visitantes como os peregrinos os que fan uso destes libros”, sinala Rivas, quen engade que se superaron “todas as expectativas” e cumpriuse co obxectivo de promoción da lectura “un dos máis importantes da concellería que teño o pracer de dirixir, destacando por suposto a lingua galega”. O Servizo de Normalización Lingüística impulsa proxectos coa intención de ser “transversais e interactivos, directamente pensados para os nosos veciños e veciñas”, engade a alcaldesa, “por iso nas cabinas ofrece o acceso aos libros que este departamento edita sobre as parroquias”.

Digna Rivas amósase especialmente satisfeita coa responsabilidade demostrada pola veciñanza “xa que todas as cabinas están en perfecto estado despois dun ano, e con moitos máis libros que cos que comezaron a funcionar”.

Libros que viaxaron de Redondela a Madrid e regresaron

Como anécdota a alcaldesa conta o caso dun peregrino, veciño de Madrid, que ao seu paso por Redondela de camiño a Compostela colleu dous libros nunha das cabinas. Semanas máis tarde enviou por correo ao Concello desde Madrid un paquete cos dous libros, máis un terceiro da súa propiedade que quixo doar para as cabinas. “No paquete había unha nota na que se desculpaba por ter levado os libros, que lle esqueceran na mochila, e daba os parabéns ao Concello de Redondela por esta iniciativa”, explica Rivas.

Nas cabinas hai paneis explicando o seu uso, e tamén ilustracións sobre a historia do teléfono e curiosidades sobre a centraliña telefónica existente en Redondela, no edificio Royalty, na metade do século pasado.