Noticias

Usamos cookies con el objetivo de mejorar la experiencia de nuestro visitantes. Visita la página de Política de privacidad para conocer más detalles.

Ata o día 13 de xuño poderán presentarse solicitudes para a realización de fogueiras de San Xoán

Concello de Redondela
27-05-2022
0
Ata o día 13 de xuño poderán presentarse solicitudes para a realización de fogueiras de San Xoán

O permiso será imprescindible tanto para as fogueiras en terreos particulares como en terreos públicos, estas últimas so poderán ser realizadas por entidades de participación cidadá

O Concello de Redondela ten xa aberto, ata o vindeiro 13 de xuño, o prazo de presentación de solicitudes para a realización, durante a noite do 23 ao 24 de xuño, das tradicionais fogueiras de San Xoán.

A autorización é imprescindible para a realización de fogueiras en terreos particulares como públicos, se ben neste último caso, so poderán realizar fogueiras as entidades de participación cidadá.

Trátase, explica a alcaldesa Digna Rivas, de “conxugar a celebración dunha tradición como as fogueiras, coas normas básicas de seguridade”.

En todo caso, tanto particulares como asociacións, deberán seguir normas comúns, como o feito que os elementos da fogueira estean colocados o día anterior á queima para que os servizos municipais poidan levar a cabo a revisión e control desta.

Asi mesmo, o volume de material combustible non poderá superar os 8 metros de diámetro nin os 3 metros de altura e a separación entre fogueiras e os edificios, árbores e demais elementos que poidan resultar danados será, como mínimo, de 12 metros

A solicitude que deberán presentar as interesadas e interesados en realizar fogueiras de San Xoán, recolle tamén a lista de elementos que se poden queimar –leña, pólas, toros de árbores e materiais vellos sempre de madeira– e aqueles outros que están prohibidos como os pneumáticos, plásticos, latas, botellas, materiais con PVC e similares, así como botar aerosois, aceites ou líquidos combustibles e/ou calquera substancia explosiva. Nese sentido, o Concello de Redondela lembra que un bote de aerosol, aínda baleiro, pode orixinar unha explosión.

Finalmente, as e os solicitantes deberán acatar as normas ou instrucións que poidan ditar, en determinadas circunstancias, os axentes dos corpos de Policía, bombeiros e demais servizos públicos tanto municipais como de outras administracións pública