Noticias

Usamos cookies con el objetivo de mejorar la experiencia de nuestro visitantes. Visita la página de Política de privacidad para conocer más detalles.

Redondela mantén a punto os areais no comezo da primavera

Concello Reddondela
29-03-2024
0
Redondela mantén a punto os areais no comezo da primavera

Nas semanas previas á chegada da primavera e a Semana Santa o departamento de Medio Ambiente do Concello de Redondela deixou en estado de revista as praias do municipio. Logo das limpezas realizadas durante o inverno para retirar o lixo arrastrado polos temporais aos areais, os traballos centráronse agora na posta a punto das infraestruturas e mobiliario urbano. Os traballos na praia de Cesantes incluíron a reparación e reposición dos elementos de madeira danados polos temporais deste inverno, como as pasarelas que permiten o acceso de persoas con mobilidade reducida ata o mar, e tamén varandas e táboas do paseo que estaban en mal estado, así como o mobiliario urbano. Na zona do areal próxima á escultura da Virxe do Carme están a restaurarse as figuras dedicadas á fauna da enseada, que se atopan deterioradas. A concelleira, Pilar Martínez, sinala que “nunca antes se fixera un mantemento deste nivel nas praias de Cesantes e Chapela nesta época do ano”, e ambos areais se atopan en perfecto estado nesta Semana Santa, “a mágoa é que o mal tempo non permita gozar deles plenamente”, lamenta a edil.

O departamento de Medio Ambiente reparou tamén os paneis informativos tanto nas praias como nos paseos fluviais, e instaláronse taboleiros novos no paseo do río Maceiras con información sobre a fauna e a flora da zona. Outros paseos de madeira cos que conta o municipio ao longo dos ríos iranse reparando “por tramos”, explica a edil, coa reposición dos elementos danados durante o inverno

Outra das preocupacións da concelleira de Medio Ambiente é a situación da zona das dunas, con presenza de especies invasoras, polo que xa se realizaron traballos para eliminalas, e o compromiso de Pilar Martínez é o de facer o mantemento destes espazos naturais “ao longo de todo o ano para evitar a proliferación das especies foráneas”.

Colaboración do voluntariado

Algúns dos traballos para mellorar a situación dos espazos naturais organízanse desde o Concello en colaboración co programa de voluntariado municipal. “A limpeza e restauración dos colectores de almacenaxe que se atopan na praia da Punta será realizada por voluntarios”, sinala Martínez. Tamén se organizarán xornadas de limpeza nas praias de Chapela e Cesantes coa colaboración do voluntariado nas próximas semanas.