Noticias

Usamos cookies con el objetivo de mejorar la experiencia de nuestro visitantes. Visita la página de Política de privacidad para conocer más detalles.

O Concello fai realidade a iniciativa da xuventude redondelá “Redondela en Braille”

Concello de Redondela
26-10-2022
0
O Concello fai realidade a iniciativa da xuventude redondelá “Redondela en Braille”

O proxecto, presentado polo alumnado Cristina, Lucía e Juan do IES Pedro Floriani, consiste na instalación de etiquetas de aluminio nos contedores co nome dos desfeitos correspondentes e a súa tradución ao braille.
A Concellería de Normalización Ligúística, coordinada pola alcaldesa Digna Rivas, leva acabo o proxecto ‘Redondela en Braille’ en colaboración co IES Pedro Floriani. Este forma parte dunha nova iniciativa do Concello de Redondela que pretende “facer realidade as propostas da xuventude do municipio”, en palabras de Rivas.
Redondela en Braille é unha creación que Cristina Portela, Lucía Rolo e Juan Couñago presentaron na clase de Lingua Galega e que solicitaron ao Concello levala acabo. “Dende o momento que se puxeron en contacto con nós sabiamos que tiñamos que aportar todo o apoio posible para facerlles saber que as súas propostas son escoitadas e se teñen en conta. A miña prioridade é involucrar a xuventude redondelá e facer realidade as súas boas ideas para que sepan que confiamos neles e nelas”, explica Digna Rivas.
O proxecto consiste na instalación de etiquetas de aluminio nos contedores co nome dos desfeitos correspondentes e a súa tradución ao braille. As etiquetas incluirán o nome escrito en galego, para a xente que non pode distinguir as cores, así como a súa tradución ao braille, para as persoas que padezan unha perda completa da visión. “As placas colocaranse o luns 24 e irán acompañadas dunha campaña con folletos informativos que se repartirán pola vila”, expresa a alcaldesa.
“As rapazas e rapaces se encargaron por completo da realización da idea dende a investigación, a páxina web e viabilidade deste, así como o contacto directo coa empresa que se encarga da producción das placas de aluminio. Demostraron iniciativa e autonomía, algo que queremos impulsar e que parecenos de moita importancia. Nós encargámonos de financialo e difundilo”, expón a alcaldesa.
Este tipo de contenedores adaptados xa comezou a estar presente en España fai máis dunha década. En Galiza están presentes dende o 2011, cando foron implementados na cidade de Pontevedra, e máis recentemente en A Coruña, no 2020. “Agora tamén os teremos en Redondela, grazas a idea destes tres mozos e mozas e o noso impulso”, engade Rivas.
A Concellería de Normalización Lingüística foi a encargada de traballar co alumnado, pois a iniciativa está implicada directamente coa lingua galega e “representa os valores de inlusividade, autonomía e confianza polo que o noso goberno leva loitando máis de tres anos”, engade Rivas.
Redondela en Braille é o primeiro proxecto realizado mediante este proceso de colaboración do Concello cos institutos, “pero queremos deixar claro que a intención é colaborar con TODOS os institutos de Redondela e escoitaremos todas as propostas que nos cheguen”, conclúe a alcaldesa.
REDONDELA EN BRAILLE
Nace da preocupación dos cativos e cativas polas dificultades que existente para a comunidade cega. Co lema “Unha vila que facilite a vida”, deixan claras as intencións de aportar para crear unha vila accesible e inclusiva para todos e todas.
A situación global é preocupante, e todos sabemos que unha pequena acción que podemos facer para mellorar o medioambiente é reciclar. O 6,2% da poboación española padece unha discapacidade visual que lle imposibilita a realización de este pequeno xesto que todos temos co ecosistema.
Páxina web: https://redondela-en-braille.jimdosite.com/