Noticias

Usamos cookies con el objetivo de mejorar la experiencia de nuestro visitantes. Visita la página de Política de privacidad para conocer más detalles.

Os escolares participan nos roteiros do 8M para coñecer o papel das mulleres na historia de Redondela

Concello de Redondela
05-03-2024
0
Os escolares participan nos roteiros do 8M para coñecer o papel das mulleres na historia de Redondela

Nenos e nenas de 5º e 6º de Primaria de diferentes centros de ensino do municipio están a participar este mes nos roteiros organizados pola concellería de Igualdade co gallo da celebración do Día Internacional da Muller o vindeiro 8 de marzo. Neste percorrido denominado “Mulleres de Redondela” a rapazada está a coñecer o traballo e a pegada das mulleres do municipio ó longo da historia. A saída, da man da guía oficial Soledad Chayán, comeza na Praza de Vilavella e remata na Fonte de Santiago. Onte foron os escolares do CEIP Reboreda os que fixeron esta excursión, na que puideron coñecer a historia da primeira muller concelleira redondelá, Carolina García Tenreiro, da mestra Ernestina Otero e outras máis descoñecidas como Lola a Jamaica ou Josefa Puga Jarabilla. A visita rematou na Casa do Concello, onde conversaron coa alcaldesa Digna Rivas, primeira muller en ostentar este cargo en Redondela, e coas concelleiras Iria Vilaboa e Pilar Martínez. Nenos e nenas de 10 e 11 anos amosaron a súa curiosidade polo traballo no Concello, e manifestaron tamén cales son as súas inquedanzas e proxectos para o futuro: ensino, farmacia, enxeñería, veterinaria ou política son algunhas das áreas de traballo polas que se decantaron para cando sexan adultos.

O xoves día 7 será o alumnado do CEIP Cedeira o que faga esta saída, e do colexio Santa Mariña farán o roteiro o día 12. No caso dos colexios de Chapela a saída realízase desde a Alameda de Rosalía de Castro e remata na Praia de Arealonga. Nesta parroquia poden coñecer o traballo das mulleres de Pescanova, das praceiras, mariscadoras, e outros oficios que foro o son moi importantes para Chapela. O CEIP Igrexa fará o roteiro mañá mércores, 6 de marzo, e o Alexandre Bóveda o vindeiro día 15.