Noticias

Usamos cookies con el objetivo de mejorar la experiencia de nuestro visitantes. Visita la página de Política de privacidad para conocer más detalles.

Teatro e historia danse cita este fin de semana da man da VIII Batalla de Rande e 'A cazola de Lola' de Tanxarina

Concello de Redondela
21-10-2021
0
Teatro e historia danse cita este fin de semana da man da VIII Batalla de Rande e

O grupo redondelán estrea a súa nova produción o sábado 23 de outubro no Multiúsos da Xunqueira con dobre sesión ás 18 h e 20 horas. Tralo éxito acadado esta pasada fin de semana pola primeira parte da Batalla de Rande que se desenvolveu polas rúas de Redondela e do Festival Casto Sampedro, que acadaba a súa segunda edición, a programación cultural deseñada pola Concellería de Cultura terá, nesta vindeira fin de semana, dous pratos fortes: a VIII Batalla de Rande e a estrea da nova produción dos redondeláns Tanxarina, A cazola de Lola.

Batalla de Rande

A representación da Batalla de Rande, que chega a súa oitava edición “grazas ao traballo incansable da Asociación Cultural e Deportiva de Rande”, tal e como sinalou a concelleira de Cultura, Iria Vilaboa hai días na presentación do programa, será un dos pratos fortes da vindeira fin de semana. O sábado 23 e o domingo 24 de outubro, e como dunha viaxe a través do tempo se tratara, veciñanza e visitantes poderán trasladarse a un 23 de outubro de 1702 cando o estreito e a enseada de San Simón foron testemuñas dunha das maiores batallas navais da época e que rematou coa derrota da armada hispanofrancesa fronte a potente escuadra inglesa.

Os actos comezarán na mañá do sábado 23 do desfile de todos e todas as participantes para, ao redor do mediodía ter lugar a primeira representación, a infantil, na que nenos e nenas levan traballando dende hai moito tempo, con moitísima ilusión.

Xa pola tarde terán lugar as representacións dos adultos, comezando a primeira hora cunha acción que terá lugar baixo a carpa situada nas inmediacións do Meirande. Como novidade, este ano contarase con dúas persoaxes –dous campesiños– que levarán o fío condutor dunha historia que estará dividida en cinco escenas e guiadas por un narrador.

A introdución destas dúas persoaxes busca quitarlle carga dramática á representación dun feito histórico, tráxico de por si como a Batalla de Rande na que perderon a vida máis de 2.800 homes e preto de 2.500 resultaron feridos. O desembarco, que terá lugar na contorna do Meirande e os fogos artificiais que recrean a batalla naval propiamente dita, pecharán a representación que, cada día, ten máis soa no sur de Galicia.

Teatro infantil

O teatro infantil, unha das grandes apostas da Concellería de Cultura para esta programación de outono, terá un inicio auténtico luxo da man da compañía redondelá Tanxarina que quixo estrear en Redondela, “na casa” a súa nova produción A cazola de Lola. O fará o sábado 23 en dobre función de 18 h e 20 horas.

A Concelleira de Cultura asegurou que poder contar cunha compañía como Tanxarina, con case que 40 anos de éxito nos escenarios de Galicia e España “é un orgullo para Redondela”.