Noticias

Usamos cookies con el objetivo de mejorar la experiencia de nuestro visitantes. Visita la página de Política de privacidad para conocer más detalles.

O traslado dun farol no campo da feira suporá un aforro duns 6.000 euros anuais

Concello de Redondela
21-02-2024
0
O traslado dun farol no campo da feira suporá un aforro duns 6.000 euros anuais

O departamento de Infraestruturas e Sostibilidade acometeu o traslado dun dos farois situados no campo da feira. O concelleiro Roberto Villar explica que este farol, situado no medio das prazas do aparcadoiro, debía retirarse cada vez que se celebraba un evento neste recinto para poder instalar unha carpa, facer un concerto, etc. En celebracións como as Festas do Choco, no Nadal, feiras e outros eventos, este foco debía retirarse e logo volver a instalarse. Villar calcula que esta operación debía facerse unha media de 10 veces ao ano, “o que supoñía un gasto para as arcas municipais duns 6.000 euros, xa que é necesario contratar un camión grúa, ademais das horas de traballo que debían dedicarlle os operarios municipais a esta tarefa de montaxe e desmontaxe”.

O farol instalouse agora nunha zona axardinada á entrada do aparcadoiro do campo da feira, onde non supón problema algún para a celebración de eventos. Este cambio de localización aproveitouse tamén para mellorar a iluminación na zona, ao cambiar as dúas lámpadas de 100w por outras de 240w. Villar apunta que este cambio permite tamén reducir as emisións contaminantes “xa que non será preciso o uso deste camión cada vez que se celebre un evento no campo da feira”.