Noticias

Usamos cookies con el objetivo de mejorar la experiencia de nuestro visitantes. Visita la página de Política de privacidad para conocer más detalles.

Redondela organiza unha xornada informativa sobre rescate e control felino

Concello de Redondela
11-12-2023
0
Redondela organiza unha xornada informativa sobre rescate e control felino

A concelleria de Sostibilidade do Concello de Redondela celebra o venres, 15 de decembro, unha charla titulada “Rescate e Control Felino”. O obxectivo desta xornada, que terá lugar na Casa da Cultura ás 19.00 horas, é “informar e concienciar á veciñanza sobre situación das colonias felinas e Redondela e cales son as necesidades e particularidades dos gatos que viven na rúa”, sinala o concelleiro Roberto Villar. Hai que ter en conta que as súas características son diferentes ás dos gatos acostumados a estar coa xente, e cando se retiran das colonias porque precisan atención veterinaria “ás veces é difícil reintroducilos no mesmo lugar”.

A charla estará impartida polo propio edil, acompañado de Diego Díaz González, da protectora Animais Sen Fronteiras. Villar pretende nesta xuntanza dar a coñecer o que se está a facer desde o Concello cos medios dos que dispoñen “que son limitados e non permiten chegar a todos os felinos que viven nas rúas do municipio”. Desde o ano 2019 púxose en marcha o programa de castración das colonias felinas e tamén desde o pasado verán unha novidosa campaña de adopción en colaboración coa concellería de Medio Ambiente. Villar explica que, para estas accións funcionen “é preciso que a xente colabore, o que redundará nunha mellor situación das colonias felinas e tamén da sociedade en xeral”. Estiman que no municipio de Redondela existen entre 10.000 e 15.000 gatos en colonias nas rúas e que non está esterilizados. Por iso desde o Concello insisten en que “a esterilización dos animais é fundamental para controlar a poboación e ademais agora é unha obriga coa nova Lei de Protección Animal”.

A concellería de Sostibilidade pretende crear tamén unha rede de persoas voluntarias para controlar e alimentar as colonias, regular esta actividade e proporcionarlles o alimento, “xa que a día de hoxe hai xente que está a facelo pola súa conta e asumindo os gastos”, sinala Roberto Villar.