FONDO GALEGO DE COOPERACION

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

QUE É O FGCS

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade é unha asociación sen ánimo de lucro integrada por administracións locais de Galicia unidas pola vontade común de contribuír á erradicación das desigualdades Norte-Sur, a través de proxectos de cooperación ao desenvolvemento con países empobrecidos e a sensibilización social en Galicia.

O Fondo Galego é un espazo transpartidario e plural, libre de personalismos políticos, inspirado pola vontade de consenso e pola idea de que a solidariedade e a cooperación internacional deben ser áreas de colaboración e non de confrontación.

OBXECTIVOS:

  • Contribuír, desde as administracións locais galegas, ao desenvolvemento dos países e comunidades empobrecidas para promover cambios positivos e sostibles nas condicións de vida que contribúan á plena realización dos Dereitos Humanos Universais.
  • Promover unhas administracións locais e unha cidadanía galega sensibilizadas, concienciadas e comprometidas coas políticas e accións de cooperación ao desenvolvemento, co obxecto de favorecer unha maior comprensión da realidade dos países empobrecidos, da necesidade dun compromiso ético na loita contra as desigualdades e a prol dunha maior equidade a nivel global.
  • Promover e posibilitar que todas as administracións locais galegas poidan impulsar e/ou ser partícipes de accións e políticas de cooperación ao desenvolvemento, potenciando a coordinación das mesmas.
  • Defender, reivindicar e visibilizar a cooperación ao desenvolvemento, especialmente a impulsada polas administracións locais galegas, ante todo tipo de organismos e institucións.
  • Procurar que progresivamente as administracións locais galegas que formalicen o seu compromiso con políticas de cooperación ao desenvolvemento incrementen os seus respectivos orzamentos para este fin.
  • Promover programas de voluntariado nacionais e/ou internacionais co obxecto de contribuír á solidariedade entre os pobos.
  • Calquera outro obxectivo de similar natureza que non sexa contrario á normativa legal vixente en cada momento.

ORIXE
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade naceu en 1997 como expresión institucional da crecente sensibilidade cidadá arredor das crises humanitarias, a pobreza mundial, catástrofes e guerras, grazas ao impulso do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), think tank de relacións internacionais centrado na promoción de Galicia no exterior, xunto a dez concellos galegos (Allariz, Arteixo, Brión, Culleredo, Fene, Moaña, Nigrán, Oleiros, A Pobra do Caramiñal e Porto do Son) e ao apoio da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Xunta de Galicia, Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP), Confederación de Fondos de Cooperación y Solidaridad e a Oficina de Información da ONU en Madrid.

O CONCELLO DE REDONDELA forma parte do Fondo Galego dende xaneiro de 1999, en que se asociou por acordo plenario. Ocupou a Presidencia do mesmo no periodo 2011-2015 e a Vicepresidencia no periodo 2015-2019, na persoa en ambos casos da concelleira Mª Teresa París.

www.fondogalego.gal