Historia

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Primeiros poboadores

Pola súa situación privilexiada e pola súa extensión, a comarca de Redondela é un territorio habitado dende tempos inmemoriais, onde os diversos poboadores deixaron o seu selo impreso ao longo da historia. Destaca a Idade do Bronce como un dos períodos máis prolíficos, con numerosos exemplos de xacementos localizados en diferentes puntos da comarca.

Os restos en Monte Penide ou Monte Mirallo e Ventosela son os testemuños máis salientables. No primeiro caso estamos a falar dun inmenso complexo funerario con numerosos túmulos e dolmens, ademais de abundantes petróglifos e gravados rupestres, nun abano temporal que abranguería dende o neolítico (4000-2500 a. C.) ata a Idade do Bronce (1800-700 a. C.).

Non podemos esquecer os vestixios da cultura castrexa, con manifestacións coma a do Castro da Peneda ou a do Castro de Negros, tamén coñecido como "Coto de Negros", "Monte do Castro", "Castro Grande" ou "Coto do Castro", que aínda hoxe conserva a súa localización xeográfica apenas alterada, así como a súa configuración primitiva e sistemas defensivos visibles. A observación da súa estrutura orixinal (afectada por diferentes instalacións de telecomunicacións) axúdanos a comprender mellor como era un poboado castrexo da época.

Romanización 

Será neste período cando a zona adquira unha especial relevancia, pois a vía romana XIX, que unía Braga (Bracara Augusta) con Astorga (Asturica Augusta), pasando por Lugo (Lucus Augusti), atravesaba Redondela, e isto provocou que o seu territorio acadase un gran desenvolvemento.

Os testemuños máis representativos desta época son os miliarios, marcos que sinalaban as distancias nas calzadas romanas (as millas romanas); o único que se conserva no seu emprazamento orixinal é o de Santiaguiño de Antas, coñecido tamén como “O Marco” ou “Anta de Maniola”, en Vilar de InfestaPor outra banda, durante esta etapa esténdense os asentamentos rurais e as villae, que en diversas zonas de Redondela constituíronse para comerciar co sal e outros produtos agrícolas.

A Idade Media

A Idade Media caracterízase polo desenvolvemento da vila e polo esplendor da casa de Soutomaior, que alcanzaría o seu máximo apoxeo co lendario Pedro Madruga, que xogou un papel fundamental durante os conflitos acaecidos entre a igrexa e o señorío feudal. Foi esta unha época de florecemento da cultura e da lírica medieval galega, como testemuña a cantiga de Mendiño centrada na illa de San Simón.

A vila de Redondela, nos seus inicios, estaba divida en dúas partes: Vilavella e Vilanova. Ambas permanecían unidas a través dunha ponte e posuían un porto que era o motor económico da localidade.

Outro factor do desenvolvemento foi o Camiño de Santiago (desenvolvido sobre o trazado da antiga vía romana XIX), fonte de atracción de numerosos visitantes, que era a primeira parada da etapa. O arcebispo Xelmírez pasou por Redondela facendo o Camiño Portugués, do que foi un dos maiores impulsores, de volta dunha viaxe polo país veciño para traer consigo as reliquias de San Frutuoso, San Silvestre, San Cucufate e Santa Susana. En 1114 fixou a súa residencia temporalmente na nosa vila, ano en que consagrou a igrexa de Santiago Apóstolo.

 Idade Moderna

Caracterízase pola perda de habitantes nas zonas urbanas por mor de diversas pestes atlánticas. Malia ser unha época de pouca axitación, destacan algúns sucesos de grande importancia histórica, como a Batalla de Rande.

Na Batalla de Rande, acontecida en 1702, as tropas hispano-francesas sucumbiron ás forzas anglo-holandesas nunha batalla naval de considerables dimensións, ao que hai que sumarlle o posterior saqueo da zona. O combate produciuse no estreito de Rande onde se atopan os xacementos dos galeóns afundidos.

Illa de San Simón merece especial mención. A tradición di que estivo habitada dende a Idade Media pola orde do Temple, e será testemuño de moitos dos sucesos acaecidos na rexión a partir do século XVI. Chegados a finais da Idade Moderna, a illa acondicionouse como Lazareto, o único en toda a fachada atlántica española; a súa función foi a de prever e illar enfermidades infecciosas coma o cólera. Deste xeito converteuse nun centro de investigación médica e tecnolóxica.

Por último, no século XX, despois da Guerra Civil, xogou un papel destacado na historia do sur de Galicia, xa que se empregou como campo de concentración de presos republicanos e, posteriormente, como hospicio.

Idade Contemporánea

Ao longo do século XX Redondela pasou de ser unha vila mariñeira a unha vila industrial, da man do sector téxtil (Confecciones Regojo), durante os anos sesenta. Porén, defínese pola imaxe dos seus viadutos de ferrocarrís que lle confiren unha personalidade propia: o “Viaduto de Madrid”, de 1876, e o “Viaduto de Pontevedra”, de 1884. Declarados monumentos Histórico-Artísticos, permiten coñecer Redondela como “a vila dos viadutos”.