Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

'Redondela Fala', un paso máis na participación da infancia e a mocidade nas accións de Goberno

Concello de Redondela
14-02-2022
0

Unha páxina web específica permitirá aos mozos e mozas opinar e realizar achegas aos proxectos do Goberno local que lles afecten

O Goberno de Redondela, a través da Concellería de Novas Tecnoloxías, que xestiona Olga García, vén de dar un paso máis á hora de abrir canles de participación da mocidade nas accións do Goberno local en temas que lles afecten directamente.

Unha páxina web específica que entrará en funcionamento nas vindeiras datas –Redondela Fala– permitiralles en breve poder opinar e achegar melloras aos proxectos que o Concello teña en marcha e que afecten directamente á mocidade e a infancia. O nome da páxina Redondela Fala foi elixido na última reunión mantida polos mozos e mozas que forman parte do Órgano de Participación Infantil e Adolescente de Redondela 'Axentes do Cambio'.

Os enlaces para entrar en Redondela Fala serán enviados aos centros de ensino de Redondela para que, rapaces e rapazas poidan consultar e, se é o caso, mellorar coas súas achegas os distintos proxectos que o Goberno local vaia a poñer en marcha.

De feito, tres primeiras iniciativas serán postas á consideración das mozas e mozos de Redondela: as obras a realizar no Campito e o skatepark da Vía Verde, ámbalas dúas actuacións en Chapela, e a mellora do Campo de San Pedro en Cesantes.

Unha vez en funcionamento e a través do correspondente enlace, a mocidade e a infancia de Redondela poderán consultar ditos proxectos e achegar aquelas propostas que consideren oportunas ao tratarse de temas que lles afectan de xeito directo. No vindeiro Pleno Infantil e Xuvenil que se ten que celebrar en marzo, debateranse as propostas presentadas para facelas chegar ao Goberno socialista para a súa execución.

Para a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, esta páxina “supón un avance na participación das mozas e mozos nas accións do Goberno local”. Rivas lembrou que esta participación “era un compromiso en firme que tíñamos coa infancia e adolescencia do municipio”. A participación da mocidade e os Plenos da Infancia e Adolescencia “non poden ser, como eran, algo carente de utilidade coa única intención de cubrir as apariencias”. O Goberno dun municipio, democraticamente entendido, continúa a alcaldesa, “pasa por involucrar a todos os sectores sociais e mozos e mozas, nenos e nenas, teñen que ser parte activa desa acción de Goberno”.

Agora, remata a rexedora redondelá, “as reunións do Órgano de Participación Infantil e Adolescente de Redondela 'Axentes do Cambio' e os Plenos da Infancia e a Adolescencia, son ferramentas útiles que permiten que o sector máis novo da sociedade teña voz e voto e decida sobre os temas que lles afectan”.