Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Redondela contratará 11 persoas a través do Plan Concellos da Deputación para realizar os traballos de roza

Concello de Redondela
15-03-2021
0
Redondela contratará 11 persoas a través do Plan Concellos da Deputación para realizar os traballos de roza

Por primeira vez será o Concello o que contrate a través do Plan Concellos e por medio da oficina de emprego ás persoas que desenvolvan os rozados nos camiños e estradas de titularidade municipal

O Concello de Redondela, a través da liña 3 do Plan Concellos, contratará un total de 11 persoas coa especialidade de peón forestal, para formar parte das brigadas encargadas das labores de roza nos camiños e estradas de titularidade municipal. Será esta a primeira vez que o Concello realice estas contratacións a través da oficina de emprego, en lugar de encargarlle os traballos a unha empresa.

Isto permitirá, explica a alcaldesa Digna Rivas, “que esta labor sexa desenvolvida por persoas desempregadas do municipio e dentro da filosofía deste Goberno de contribuír, dentro das súas competencias, á xeración de postos de traballo”.

Coa contratación de persoal a través da oficina de emprego o Concello acada un dobre obxectivo “por unha banda permite axilizar a contratación e, polo tanto, optimizar os prazos e o traballo a desenvolver” explica a alcaldesa Digna Rivas “e doutra banda é unha iniciativa de extraordinaria importancia para as veciñas e veciños que están en situación de desemprego e para os que estas contratacións son unha axuda para a súa economía familiar”.

A alcaldesa de Redondela aclarou que, a maiores da contratación destas 11 persoas para as brigadas de rozado, o Concello mantén o denominado retén de mantemento –este si a través dunha empresa–, unha iniciativa que puxo en marcha o Goberno local no pasado ano e que permitiu que, unha vez rematadas as labores de roza dos catro lotes contratados, este quinto lote de reforzo actuase o resto do ano onde alí o aconsellaban as circunstancias, desenvolvendo un traballo de mantemento.

Nesa liña de dinamización do emprego, e dentro das poucas competencias que nesta materia ten unha administración local, a alcaldesa lembrou a importancia do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra “que permite que os concellos poidamos xerar emprego entre a veciñanza” e, no caso de Redondela, lembrou que a maiores da contratación destas 11 persoas para a roza dos camiños contratarase tamén 1 técnico/a medio ambiente, 1 carpinteiro/a, 3 técnicos/as de turismo, 1 traballadora social e 1 electricista.