Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

O Concello contrata a 16 persoas en situación de desemprego ao abeiro do Plan Concellos da Deputación

Concello de Redondela
23-01-2023
0
O Concello contrata a 16 persoas en situación de desemprego ao abeiro do Plan Concellos da Deputación

As novas incorporacións permiten reforzar os servizos que se prestan á cidadanía e permiten ás persoas beneficiarias adquirir experiencia nas súas respectivas áreas. O Concello de Redondela vén de contratar a un total de 16 persoas en situación de desemprego para reforzar a prestación de servizos á cidadanía. Máis polo miúdo trátase de tres técnicos/as de Turismo, unha/un traballadora social, tres persoas para reforzamento do servizo eléctrico e 9 peóns de Obras e Servizos.

Tal e como explica a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, as contratacións realizadas a través do Plan Concellos “contribúen a paliar a situación económica na que se atopan as persoas desempregadas e, ao mesmo tempo, proporciónanlle experiencia de cara a mellorar a súa inserción nun mercado laboral cada día máis competitivo e especializado”.

A rexedora local sinalou que as tres técnicas de Turismo permitirán desenvolver proxectos que a Concellería ten en marcha “de cara a poñer en valor os amplos recursos que, nesta materia, ten o municipio”. Rivas destacou o feito que “Redondela acaba de formar parte de Fitur 2023 por primeira vez na historia do municipio con 2 recoñecementos especiais, ademais da distinción dentro do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño”. O stand institucional de Galicia mostruo presentacións individuais en recoñecemento ao valor patrimonial da Batalla de Rande e o Cemiterio máis bonito de España, concedido ó Cemiterio dos Eidos. Ademais da necesidade de aproveitar “a súa situación estratéxica no Camiño de Santiago” ao confluír no municipio o Camiño Portugués e o Camiño Portugués pola Costa. Así, a contratación de tres persoas, permitirá desenvolver estratexias de cara a dar a coñecer a potencialidade que ten o municipio.

Doutra banda, a contratación dunha traballadora social permite reforzar o departamento de Servizos Sociais que conta cada día con maior número de usuarios e usuarias “con demandas e problemas aos que hai que dar solución coa maior rapidez posible”, afirma a alcaldesa redondelá.

Finalmente, a contratación de tres persoas para o servizo eléctrico e 9 Peóns de Obras e Servizos permitirá desenvolver, por unha banda, o proxecto de modernización do alumeado público nas parroquias e por outra, iniciar de inmediato as labores de recuperación dos camiños e muros danados polo temporal do pasado nadal.

A alcaldesa quixo tamén destacar a importancia do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra no que á dinamización do mercado laboral atinxe “ao permitir paliar a situación pola que pasan as persoas desempregadas e, ao mesmo tempo, reforzar os servizos que os concellos prestan á cidadanía”.