Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

O Concello de Redondela convoca o I Premio Sesé Mateo de Xornalismo Ético no tratamento da violencia machista

Concello de Redondela
09-09-2021
0
 O Concello de Redondela convoca o I Premio Sesé Mateo de Xornalismo Ético no tratamento da violencia machista

O certame, presentado hoxe e dotado con 1.500 euros, quere ser un recoñecemento as e os profesionais que, ademais de informar sobre a violencia machista, fuxan do sensacionalismo e coiden a intimidade das vítimas. A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, acompañada de Joshua Mateo –fillo de Sesé Mateo– e a concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa, presentaron esta mañá a que é xa a primeira edición do Premio Sesé Mateo de Xornalismo Ético no tratamento da violencia machista, un certame que, aseguraron na presentación “nace con vocación de continuidade” e co que se pretende recoñecer publicamente “a ética á hora de tratar informacións tan delicadas como as relacionadas coa violencia machista, fuxindo de sensacionalismos e coidando a intimidade das vítimas e das persoas sobreviventes máis vulnerables”.

Digna Rivas, Joshua Mateo e Iria Vilaboa destacaron que os premios que hoxe se presentaban, queren ser tamén “un recordatorio permanente ás vítimas da senrazón que é violencia machista, unha das maiores lacras da sociedade” e dar a coñecer “o traballo de aqueles e aquelas que, a través dos seu traballo xornalístico “poñen o seu gran de area por conseguir unha sociedade máis igualitaria, máis xusta e máis decente”.

Nesa liña, cómpre salientar que os premios terán tamén en conta ás e aos profesionais que, “con valentía atendan a esta secuela do patriarcado e do machismo como se merece: sinalando a súa profunda raíz e alentando a toda a sociedade a arrincala de vez”.

Redondela, lembrou a alcaldesa, “foi sempre un referente en igualdade e na loita contra a violencia machista, a creación destes premios en memoria a Sesé Mateo, son outro paso máis na loita diaria para acadar unha igualdade real entre homes e mulleres”. No xornalismo, engadiu Rivas, “é moi doado caer en tópicos e sensacionalismos á hora de informar sobre a violencia contra as mulleres e consideramos que era preciso premiar a aqueles e aquelas que, conscientes da gravidade da situación, evitan calquera tipo de sensacionalismo antepoñendo a ética profesional a calquera outra consideración”.

Premio Sesé Mateo de Xornalismo Ético no tratamento da violencia machista

O I Premio Sesé Mateo de Xornalismo Ético no tratamento da violencia machista, dotado con 1.500 euros en metálico, está aberto aos traballos de calquera xénero xornalístico (noticias, artigos de opinión, reportaxes etc.) sen límite de extensión e que fosen publicados, en medios escritos (diarios, revistas ou medios dixitais acreditados), radio ou televisión, entre o 1 de setembro de 2020 e o 31 de agosto de 2021 e que deberán ser presentados antes do 30 de setembro do 2021.

Amais dos profesionais de xeito individual, tamén poderán presentar propostas e candidaturas os xornais, radios ou televisións. Neste caso, de resultar premiado o traballo, a beneficiaria e quen recibirá o premio será a persoa autora do traballo.

Só se poderá presentar un traballo por persoa. No caso de coexistir un traballo presentado polo/a autor/a e outro ou o mesmo dese/a autor/a proposto/a por calquera entidade, prevalecerá a candidatura do/a autor/a, rexeitándose a presentada polo xornal, radio ou televisión, respectándose así a Lei de propiedade intelectual (RDL 1/1996, do 12 de abril).

Os traballos poderán presentarse en lingua galega ou castelá, pero valorarase con maior puntuación os realizados en lingua galega por ser o seu uso minoritario no ámbito xornalístico e tendo en conta que “Redondela foi sempre pioneiro no uso, potenciación e espallamento da lingua galega”

As bases ao completo, poden consultarse na ligazón:

https://boppo.depo.gal/web/boppo/detalle/-/boppo/2021/08/31/2021042654 

Ir á SOLICITUDE OFICIAL - (Sección subvencións -> CIM e Muller)

Sesé Mateo

Sesé Mateo (Chapela, Redondela 1965-2017) foi unha muller feminista e militante na defensa das liberdades básicas para os seres humanos, de calquera raza e condición. Foi asasinada en 2017 pola súa exparella, nun crime que deixou, ademais, sen fogar á súa familia durante meses.

A loita do Grupo de Apoio á Familia Mateo (colectivo creado polas súas amizades que organizou actividades para a recadación de fondos para a rehabilitación da súa vivenda) e, posteriormente, doutro grupo de mulleres activistas culturais que colaboraron co seu fillo, Joshua Alonso Mateo, na edición do libro póstumo dos seus poemas No camiño do vento, fixo que este crime machista non fose un mero número máis, se non que movese algúns marcos sociais inxustos e indecentes. O seu proxecto No camiño do vento xerou fondos económicos que foron integramente doados ao Fondo de Becas para as orfas e orfos de violencia machista da Fundación Mujeres. Coa creación deste premio queremos seguir abrindo camiños no ámbito dos medios de comunicación. Entendemos que estas noticias deben formar parte da axenda mediática, pero deben lograr un tratamento correcto da violencia de xénero e vicaria para que a difusión de valores contra a violencia sexan clave na prevención a través da sensibilización.

A figura de Sesé Mateo inspira esta convocatoria por ser o seu caso un dos máis mediáticos de Galicia. Así consta no estudo asinado pola xornalista Belén Puñal Rama que aparece ao final do libro No camiño do vento. Queda moito por mellorar aínda no ámbito do xornalismo con respecto ao tratamento da violencia en xeral e da violencia contra as mulleres e as súas crianzas en particular.