Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

DÍA INTERNACIONAL PARA A ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER

Concello de Redondela
20-11-2020
0
DÍA INTERNACIONAL PARA A ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER

Con motivo da conmemoración do 25 de novembro Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller, o Concello de Redondela quere dedicar este día ao seu inicio.

O 25 de novembro foi declarado pola ONU como o Día internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller, coincidindo co día no que os corpos das irmás Minerva, Patria e María Teresa Mirabal foron atopados nun barranco da estrada da provincia de Salcedo, na República Dominicana, hai 60 anos.

As irmás Mirabal, asasinadas polo simple feito de seren mulleres loitadoras, con voz propia, que buscaban a liberdade para o seu país e que non quixeron poñer a venda á súa dignidade, a través das súas ideas e dos seus feitos convertéronse en iconas do feminismo e nun símbolo da República Dominicana.

Foron coñecidas polo alcume das Bolboretas, pois este era o nome co que Minerva se identificaba nas relacións políticas.

Hoxe, a súa memoria, a memoria das bolboretas, mantense na persoa de tantas e tantas mulleres, que dun cabo ao outro do mundo, desafían os diferentes rostros da tiranía: a tiranía da beleza, a tiranía do silencio, a tiranía da domesticidade, a tiranía do patriarcado, a tiranía da violencia, a tiranía do maltrato, a tiranía da morte.

Por este motivo, este ano dende o Concello de Redondela quérese conmemorar o 25 de novembro volvendo ás raíces. Esa volta ás raíces levounos a vestir a nosa vila de bolboretas para non esquecer. Esa volta ás raíces lémbranos que queda moito por facer, si, pero tamén nos dá alento para construír xustiza social no camiño da loita pola igualdade, pola dignidade e pola irmandade. Esa volta ás raíces lémbranos que non podemos dar nin un paso atrás. Esa volta ás raíces lémbranos que cada persoa ten que estar seriamente comprometida na erradicación desta lacra que é a violencia contra as mulleres en calquera das súas formas: invisibilización, silencio, maltrato, abuso, acoso, dano psicolóxico, morte...

Cada persoa, de maneira individual e colectiva, debemos mostrar o noso compromiso na loita contra a violencia de xénero.

Polas mulleres que loitaron e loitan contra a violencia de xénero, polas que sofren en silencio, polas que coa súa vida reflicten a violencia máis extrema..., por todas elas, hoxe, en Redondela, a memoria das bolboretas ten rostro e nome. O rostro e nome de todas as mulleres asasinadas, e das que non coñecemos o seu nome pero que están sufrindo violencia de xénero. Todas son hoxe bolboretas ás que a violencia de xénero lle rompeu as ás.

Non permitamos que caian no esquecemento. Non permitamos que ninguén secuestre e silencie o noso berro: nin unha máis, nin unha menos... Queremos voar seguras, libre e vivas!

  DESCARGA A IMAXE DA BOLBORETA

Descarga a Bolboreta e conmemora co Concello de Redondela o 25 de novembro dende a túa vivenda, lugar de traballo ou espazo que ti elixas