Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

O Concello de Redondela conmemora o 25N con escolares e asociacións

Concello de Redondela
24-11-2023
0
O Concello de Redondela conmemora o 25N con escolares e asociacións

O Concello de Redondela celebrou este mediodía xunto a colexios e asociacións un acto reivindicativo co gallo do Día Internacional da Eliminación da Violencia Machista que se conmemora mañán. Os escolares do CEP Santa Mariña e colectivos do municipio Lenda e Andaina foron os protagonistas coa lectura dos manifestos elaborados por eles, nos que reinvindicaron un futuro sen violencia machista. A xornalista e tiktoker galega María Foscaldo, no seu papel de “Virtudes a Repunante”, lembrou que a sociedade ten avanzado moito en materia de igualdade nas últimas décadas, pero que aínda queda traballo por facer, e que nenos, mozos e adultos teñen que implicarse “porque a violencia machista non é cousa de risa”.

A concelleira de Infancia e Maiores, Pilar Martínez, agradeceu a participación dos colexios, asociacións e centros de maiores no acto para amosar o rexeitamento da sociedade redondelá “ante calquera tipo de violencia contra as mulleres”. A edil de Igualdade, Iria Vilaboa, presentou o acto e lembrou que “seguen aumentando as agresións e asasinatos de mulleres” ao tempo que advertiu que os discursos negacionistas “non poderán coa nosa determinación de rematar con esta lacra”. Vilaboa explicou que o Concello de Redondela “seguirá investindo en educación para a prevención de calquer tipo de violencia contra as mulleres porque é a nosa obriga, a de loitar polo dereito á liberdade de todas e de cada unha de nós. Seguiremos visibilizando e concienciando aos nenos e nenas, aos adolescentes e a toda a veciñanza porque ainda queda moito traballo por facer para que Redondela sexa un espazo seguro para as mulleres”.

O acto pechouse coa ofrenda floral no Salgueiral na árbore ginkgo biloba, onde mulleres do grupo de Autoestima municipal leron varios poemas do libro de Sesé Mateo “No camiño do vento” acompañadas do cuarteto de saxos do Conservatorio Municipal.