Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

A veciñanza de Chapela unida nunha homenaxe popular a Rosalía de Castro

Concello de Redondela
27-02-2023
0
A veciñanza de Chapela unida nunha homenaxe popular a Rosalía de Castro

A veciñanza de Chapela unida nunha homenaxe popular a Rosalía de Castro. O acto de homenaxe popular en Chapela foi a última actividade da programación do Concello de Redondela polo Día de Rosalía de Castro onde participaron a Asociación de Empresarios, escolas e mulleres de distintos sectores como a hostalaría, o deporte e o comercio. Paralelamente en Redondela, no Multiúsos da Xunqueira, ofreceuse un espectáculo infantil centrado na vida e na obra de Rosalía de Castro ‘Rosalía, o lugar onde medran as poetas’. O Concello de Redondela, a través da área de Normalización Lingüística dirixida pola alcaldesa Digna Rivas, finalizou a programación arredor do Día de Rosalía de Castro hoxe, 25 de febreiro, despois de 3 días de actividades educativas e homenaxes nos que estiveron involucradas a Asociación de Empresarios, esolas, locais de hostalaría, floristerías e librerías. O día 25 de febreiro celebrouse a primeira homenaxe popular a Rosalía de Castro en Chapela. Debido ás probabilidades de choiva tívose que trasladar dita homenaxe popular ao Auditorio do Piñeiral do Crego. Alí, ás 11:45h o grupo de baile tradicional Anaquiños deu comezo ao evento. De seguido comezou a homenaxe popular na que participaron mulleres de distintos sectores do municipio como a presidenta do Club de Remo de Chapela ou as profesoras do Colexio Alexandre Bóveda Cris e Noemí. En representación da Asociación de Empresarios falou Rosana, propietaria dun comercio en Chapela e Cristina Blanci do sector da hostalaría.  Tamén estiveron presentes máis veciños e veciñas como Anselmo que representou ao colectivo de personas maiores, xunto co grupo de poesía Brétema. Para amenizar a velada, ademais do grupo Anaquiños, a Soprano rusa Anna Melikhova interpretou un repertorio con obras de Rosalía, Curros e Pondal acompañada da pianista Paula Gago. “Este foi un acto con moita forza no que se falou da cultura galega e onde a música creou un ambiente emotivo que calou nos asistentes. Na homenaxe popular participaron mulleres que representan distintos lugares da sociedade e que coinciden co significado da figura de Rosalía e a súa importancia.  Rosalía de Castro é inegablemente unha das persoas de maior relevancia na lingua galega, pero tamén no feminismo e na representación dos valores da nosa terra e a dignidade do noso pobo”, explica a alcaldesa de Redondela Digna Rivas. Paralelamente en Redondela, no Multiúsos da Xunqueira, ofreceuse un espectáculo infantil centrado na vida e na obra de Rosalía de Castro “Rosalía, o lugar onde medran as poetas”. A rexidora local quere agradecer á “Asociación de Empresarios, a hostalaría local, floristerías e librerías a súa colaboración. O ano que ven repetiremos a programación, por suposto mellorandoa. A intención é incorporar os valores que representa Rosalía de Castro para que perduren durante todo o ano no pobo e permeen na veciñanza, apropiándose destes con orgullo. Por todo isto, foi moi importante tamén a presenza e participación do mundo do ensino”.