Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Aberta ao tráfico a Rúa Picota polo bo avance das obras na súa fase final

Concello de Redondela
15-06-2023
0
Aberta ao tráfico a Rúa Picota polo bo avance das obras na súa fase final

Aberta ao tráfico a Rúa Picota polo bo avance das obras na súa fase final. As obras contaron cun investimento total de 993.834,47 euros e están na súa fase final, polo que dende o Concello de Redondela anuncian a apertura ao tráfico desta rúa.
O Concello de Redondela anuncia o remate das obras de remodelación da rúa Picota dende o viaduto ata a praza da capela de Santa Mariña, incluíndo no seu trazado a praza da Fonte do Mouro e a contorna da antedita capela. As obras contaron cun investimento total de 993.834,47 euros dos que a Deputación de Pontevedra achegou, a través do plan ReacPon, máis de 636.000 €.
Cómpre salientar que a rúa Picota forma parte do Camiño Portugués sendo, actualmente, o único tramo da vila que non se atopa empedrado. A maiores, durante os últimos tempos os vehículos foron a máis na zona reducindo as beirarrúas, ata tal punto, que as persoas que circulan a pe atopan discontinuidades nas mesmas ao longo do seu trazado.
A intervención tratou de regularizar o trazado da rúa dotándoo dunha nova identidade e relacionando o seu firme cos novos empedrados existentes nas prazas. Ao igual que acontece con este tipo de obras en todas as vilas e cidades, búscase devolver o protagonismo aos peóns fronte aos vehículos facendo das rúas e prazas lugares máis amables e puntos de convivencia cidadá.
Para mellorar a paisaxe urbana, explica a alcaldesa en funcións Digna Rivas, “melloráronse os accesos ás vivendas e as medianeiras vistas, recubríndose con xardineiras elevadas aqueles puntos onde asomaban antigas cimentacións de edificios.”.
O proxecto deseñado actuou en tres frontes. Rúa Picota, na que se buscaba integrala completamente no tecido urbano, de xeito que o empedrado mimetícese co outro xa existente para conseguir un vial de plataforma única.
Praza Fonte do Mouro, na que continúa o empedrado relegándose a praza ao lateral leste conectada a través de ramplas e escaleiras accesibles. Amais, a existencia de socalcos permitiu crear espazos nos que, as actividades, serán determinadas polos usuarios e usuarias e o uso que se lle queira dar.
Contorna da capela de Santa Mariña, na se mantiveron os mesmos materiais que no resto das actuacións creándose, xa na praza unha “alfombra” de empedrado franqueada por dous grandes bancos que acoutan o espazo e crean unha especie de adro ca propia capela que, actualmente, está suxeita a un intenso tráfico da N550 da que so está separada por unha xardineira.
Trátase, sinala Digna Rivas, “de continuar mellorando as rúas e prazas para convertelos en espazos humanizados, de convivencia veciñal e na que as persoas teñan prioridade sobre os vehículos, como acontece xa hoxe en día en case que todas as vilas e grandes cidades.
A alcaldesa en funcións adiantou que o Concello estuda, nestes momentos, “diversas alternativas para o estacionamento de vehículos dos residentes, de xeito que quede minimizada a supresión de prazas nos lugares da actuación urbanística”. Non se trata de eliminar prazas de estacionamento, asegura Digna Rivas, “senón de compatibilizar a súa situación cunha humanización da contorna que contribuirá a mellorar a calidade de vida da veciñanza”. Nestes momentos está en tramitación o aluguer de terreos próximos á Rúa Picota para ofrecer prazas de estacionamento de balde.