Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Aberto o prazo de inscrición para o desfile de Comparsas de Redondela e o Enterro do Berete de Chapela

Concello de Redondela
23-01-2023
0
 Aberto o prazo de inscrición para o desfile de Comparsas de Redondela e o Enterro do Berete de Chapela

Aberto o prazo de inscrición para o desfile de Comparsas de Redondela e o Enterro do Berete de Chapela. O Entroido 2023 de Redondela volve con total normalidade coas celebracións nas rúas recuperando a tradición e o espírito festivo que caracteriza ao municipio. O acto de Redondela está programado para o 19 de febreiro e o de Chapela para o 25 do mesmo mes.
As bases que rexeran o Desfile de Comparsas e o Enterro do Berete xa están publicadas no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) e dispoñibles na páxina web do Concello de Redondela. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 10 de febreiro no caso das Comparsas de Redondela e ata o 15 de febreiro no caso do Enterro do Berete.
REDONDELA
Para o Desfile de Comparsas e disfraces de Redondela, o Concello destinará un total de 10.500 euros distribuídos tanto en premios coma en axudas ás comparsas que participen nos desfiles. Así, no apartado de axudas, destinará 300 euros ás comparsas que teñan entre 26 e 55 compoñentes; 400 euros aos que conten entre 56 e 80 compoñentes e 500 euros ás formacións que conten con máis de 80 compoñentes.
As categorías nas que se pode participar nos desfiles serán as de Comparsa –agrupación de máscaras nun número superior a 25 persoas–, Mocidade –comparsa que teña o maior número de mozos e mozas menores de idade á data da actuación–, Retranca –comparsa que mellor exprese con segundas intencións e humor a actualidade dentro dun marco de respecto e educación–, Inclusión e diversidade –comparsa con maior número de participantes que teñan unha dis capacidade igual ou superior ao 33 %–, Grupo –agrupación de máscaras nun número de entre 3 a 25 persoas–, Parella –dúas máscaras– e Individual.
No que aos premios fai referencia, o xurado outorgará un primeiro de 900 euros, un segundo premio de 600 euros e un terceiro de 300 euros. Amais os premios á mocidade, á retranca é a inclusión e diversidade de cada comparsa terán un premio de 500 euros cada un.
O xurado tamén outorgará premios aos grupos –200 euros para o 1º e 150 € para o 2º–, premios de parellas –100 € ao 1º e 80 € ao 2º– e, finalmente, premios individuais dotados con 80 € para o 1º e 50 € para o segundo.
Para poder optar aos premios é imprescindible que as comparsas acompañen o Entroido nos actos programados para o domingo 19 de febreiro e que comezará coa concentración das comparsas ás 17:00 horas no Campo da Feira. Sendo ás 18:00 horas o inicio do desfile. O Concurso de grupos, parellas e individual desenvólvese na tarde do martes día 21 de febreiro, a partir das 17:00 horas. Todos os que desexen participar nesta fase do concurso realizarán a súa inscrición o mesmo día a partir das 16:00 horas, no posto instalado nos soportais do Concello.
As bases publicaranse no Taboleiro electrónico de anuncios, na páxina web do Concello de Redondela e no BOP.
CHAPELA
No que ao Enterro do Berete fai referencia, e que terá lugar o sábado 25 de febreiro, o prazo de presentación será ata o 15 de febreiro. O Concello destina un orzamento de 3000 euros que se distribuirán en 400 euros para as comparsas con máis de 80 compoñentes e que leven carroza; 300 euros para as comparsas que conten entre 56 e 80 compoñentes e con carroza de acompañamento; 200 euros para as que teñan entre 26 e 55 compoñentes e leven unha carroza e, finalmente, 100 euros para as comparsas con máis de 25 compoñentes sen carroza.
Para poder optar aos premios é imprescindible que as comparsas acompañen a comitiva do Enterro do Berete nos actos programados para o sábado 25 de febreiro de 2023 e que comeza coa concentración das comparsas ás 17:00 horas no lugar coñecido como “Alto da Encarnación” en Chapela, sendo ás 18:00 horas o inicio do desfile.
Tanto no desfile de Redondela como no Enterro do Berete, as comparsas deberán gardar unha unidade temática tanto nos seu vestiario coma na súa actuación e non serán consideradas comparsas don dereito a inscrición aquelas que en anos anteriores repetiran, no substancial, o deu disfraz.
A inscrición para as comparsas para Redondela e Chapela, no caso de persoas físicas, deberá facerse cumprimentando a folla de inscrición e presentándoa no Rexistro do Concello mentres que de tratarse de persoas xurídicas, e tal e como marca a lexislación vixente, tan só poderá facerse por vía da Administración Electrónica.
A alcaldesa Digna Rivas, animou á veciñanza a participar nos actos dun Entroido 2023 “que marca o comezo dunha certa normalidade para poder gozar e celebrar dunha das festas máis populares no municipio. Un día cheo de cor e música nas rúas que os veciños e veciñas de Redondela esperan con moitas ganas. Faremos todo o posible para que se recupere por completo a celebración tradicional, como todas e todos a lembramos”.