Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

O Concello mellora a accesibilidade da Praza de Santiago como primeiro paso á recuperación da fonte

Concello de Redondela
07-04-2021
0
O Concello mellora a accesibilidade da Praza de Santiago como primeiro paso á recuperación da fonte

As palmeiras existentes na contorna foron replantadas na zona do skatepark e substituídas por magnolios e prunas máis acordes co entorno.

O Concello de Redondela vén de realizar traballos de mellora da accesibilidade á céntrica Praza de Santiago, substituíndo as palmeiras que adobiaban a zona –reubicadas na contorna do skatepark– por magnolios e prunas, explicou o concelleiro de Parques e Xardíns, Alberto Álvarez.

As raíces das palmeiras trasladadas “seguindo as recomendacións dos técnicos municipais”, engade Álvarez, estaban provocando o levantamento do pavimento ao non contar con espazo suficiente para a expansión das súas raíces, polo que unha vez realizado o traslado, procedeuse á reparación das áreas danadas.

Estas obras de mellora de accesibilidade na contorna da praza, son un paso previo aos traballos de recuperación da fonte de Santiago, para o que se conta cunha subvención de 10.667 € da Deputación de Pontevedra e un proxecto redactado polo arquitecto Luís Gil Pita en colaboración co técnico do Servzio de Normalización Lingüística de Redondela.

Todos estes traballos encádranse nun plan integral de recuperación, conservación e posta en valor de todo o patrimonio cultural, histórico e artístico do municipio, iniciativa que o Concello que preside Digna Rivas, desenvolve dende o inicio do mandato.

Nesa liña de actuacións, lembra a alcaldesa, o Concello levou a cabo a recuperación da Fonte da Raíña, en Cedeira; a rehabilitación do edificio do antigo Conservatorio na rúa Isidoro Queimaliños ou a recuperación do cemiterio de Eidos.

Rivas recalcou a importancia destas labores que “non só evitan a desaparición do noso patrimonio senón que, ao mesmo tempo, contribúen a súa posta en valor, achegándoo á cidadanía e difundíndoo como parte inseparable da identidade de Redondela”.