Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

A mocidade de Redondela desfrutará dun amplo abano de actividades neste verán dentro do programa «Redondela Xoven»

Concello de Redondela
11-07-2022
0
A mocidade de Redondela desfrutará dun amplo abano de actividades neste verán dentro do programa «Redondela Xoven»

Danza na rúa, Actividades náuticas e Obradoiro de murais serán as tres primeiras actividades que ofreza este programa dirixido aos mozos e mozas con idades comprendidas entre os 13 e 18 anos “os grandes esquecidos ata a chegada deste Goberno”

“Ata a chegada do Goberno socialista ao Concello de Redondela, os mozos e mozas con idades comprendidas entre os 13 e 18 anos, foron os grandes esquecidos”, afirmou hoxe a alcaldesa Digna Rivas na presentación das primeiras actividades do Verán 2022 que se desenvolven dentro do programa xenérico «Redondela Xoven» que ofrecerá, ao longo do ano, iniciativas específicas para esta franxa de idade.

«Redondela Xove» recolle actividades e iniciativas propostas tanto polo Goberno local como pola propia mocidade, destinatarios finais do programa. “Non se poden deseñar actividades para este sector novo da poboación de Redondela, sen contar con eles, sen escoitar as súas opinións e sen incluír as súas ideas” e nesa liña, o programa recolle as propostas realizadas pola mocidade redondelá a través do Consello Municipal da Infancia e Adolescencia e Axentes do Cambio (grupo de participación infantil e adolescente do Concello de Redondela).

A primeira das actividades do programa será Danza na Rúa, que terá lugar entre o 26 de xullo ao 4 de agosto, os luns, mércores e venres de 10 h a 12 h na pista da Xunqueira en Redondela, e do 8 ao 12 de agosto na Alameda Rosalía de Castro de Chapela cos mesmos días e horario. A actividade é totalmente de balde e non necesita inscrición previa polo que, para participar, só haberá que presentarse o día da actividade á hora do seu comezo.

Nestas clases, que correrán a cargo de mestres e mestras da escola de danza Dansarei de Redondela, as mozas e mozos poderán aprender baile moderno, danzas urbanas, baile latino e preparación física e acrobática.

Actividades Náuticas será a segunda das iniciativas que leven a cabo dentro do programa «Redondela Xoven». Terá lugar na praia de Cesantes –lugar idóneo para este tipo de actividades– entre o 26 de xullo e o 19 de agosto de 10 horas a 14 horas de martes a venres. Neste caso será precisa inscrición previa no Rexistro Xeral da Casa do Concello de Redondela e terá un prezo de 25 €/semana, un prezo case que simbólico xa que se inclúe o material preciso para as actividades e o correspondente seguro.

Finalmente, dentro destas primeiras iniciativas, do 1 ao 5 de agosto terá lugar o Obradoiro de mural que se desenvolverá de 10 h a 12 horas no Centro Cultural A Miñoteira de Ventosela. A actividade é totalmente de balde e non necesita inscrición previa.

Esta iniciativa “reafirma a nosa aposta polas parroquias e por achegar ata elas todo tipo de actividades dentro da nosa filosofía de achegar os actos á veciñanza”, explica a alcaldesa Digna Rivas quen adianta que “dependendo da resposta e da acollida desta actividade, a trasladaremos ás demais parroquias”.

A alcaldesa redondelá asegurou que “ao longo do verán, «Redondela Xoven» terá máis sorpresas” ao mesmo tempo que anunciaba que a mediados de agosto celebrarase O Día da Xuventude que contará con programa propio de actividades que será presentado a medida que se achegue a data.