Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

O Concello de Redondela pide a colaboración cidadá para rematar cos actos vandálicos contra os parques infantís e mobiliario urbano

Concello de Redondela
25-03-2021
0
O Concello de Redondela pide a colaboración cidadá para rematar cos actos vandálicos contra os parques infantís e mobiliario urbano

O Concelleiro de Parques e Xardíns, Alberto Álvarez, presentou denuncia das pintadas que persoa ou persoas descoñecidas realizaron na área infantil de Vilar do Mato, en Ventosela

O Concelleiro de Parques e Xardíns do Concello de Redondela, Alberto Álvarez, presentou o pasado 23 de marzo unha denuncia ante a Policía Nacional dando conta cos actos vandalismo dos que fora obxecto a área infantil de Vilar do Mato, na parroquia de Ventosela e descubertos, segundo figura na denuncia “no decurso dunha inspección rutineira do estado do parque”.

En concreto, na denuncia explicase que no antedito parque, puidéronse comprobar pintadas en elementos multixogo, con diferentes nomes a modo de sinatura, sendo a máis lexible a de 'Peco'. O Concelleiro asegura que o acto vandálico detectado en Vilar do Mato “non é un caso illado” xa que lamentablemente, afirma Alberto Álvarez, xa que este tipo “de actuacións incívicas e que danan o que é patrimonio de todas e todos os redondeláns” non só se están a dar nos parques infantís “senón que tamén prodúcense sobre o mobiliario urbano”.

A maiores da denuncia presentada por Alberto Álvarez como concelleiro, a alcaldesa Digna Rivas fixo un chamamento “á colaboración veciñal” á hora de denunciar estes actos “que supoñen un prexuízo económico que repercute no peto de todos e cada un de nós”.

O mobiliario urbano, os parques e xardíns, as áreas infantís e os espazos públicos “son un patrimonio de todos e cada un de nós como veciñas e veciños do municipio”. Así, engade a alcaldesa, “o dano que fagan a estas zonas persoas carentes do máis mínimo civismo, é un dano que se está a facer ao conxunto da veciñanza”.