Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

O Concello cualifica os actos vandálicos no parque infantil de Chapela como “un ataque contra o patrimonio de toda a veciñanza”

Concello de Redondela
01-03-2022
0
O Concello cualifica os actos vandálicos no parque infantil de Chapela como “un ataque contra o patrimonio de toda a veciñanza”

O Goberno mantén a súa aposta por dotar á infancia de áreas de xogos seguras e repara os xogos que tiñan danos do parque infantil «Xoana Torres» da Alameda redondelá

“O vandalismo do que foi obxecto o parque infantil de Chapela va máis aló dunha simple gamberrada e é un ataque ao patrimonio de toda a veciñanza”, asegurou Digna Rivas ao ser informada dos danos que sufriu a antedita área infantil e que afectaron á case que todos os aparellos con que conta a instalación.

A alcaldesa de Redondela asegurou que “accións como estas non poden quedar impunes” e adiantou que a Policía Local desenvolve investigacións para dar co autor ou autores dos feitos “aos que ten case que identificados”.

“Os espazos públicos son un patrimonio de toda a cidadanía que, cos seus impostos, posibilita que o Concello dote aos núcleos urbanos e ás parroquias destes lugares de esparexemento para os seus fillos e fillas”, di a rexedora redondelá quen engade que “romper, pintar ou ocasionar danos nestes espazos supón, por tanto, un ataque directo contra o peto da cidadanía que este Goberno non vai consentir”. O Goberno local aposta pola renovación e mantemento dos parques infantís “como zonas seguras para os xogos e desfrute dos e das máis cativas.

O Concello considera “imprescindible” a colaboración cidadá para “poñer en coñecemento do Concello ou da Policía Local este tipo de actuacións a fin de que os seus autores teñan que render contas polas súas accións”.

      

Pese a estes rexeitables feitos, o Goberno local mantén “unha firme aposta” por seguir dotando aos núcleos de poboación de áreas infantís para o desfrute dos e das máis pequenas e, nesa liña, vén de arranxar aqueles xogos que estaban danados no parque infantil «Xoana Torres» situado na céntrica Alameda Castelao de Redondela.

Considera a alcaldesa Digna Rivas que as áreas infantís “van máis aló de ser un simple lugar de esparexemento, xa que ademais propicia que as nenas e os nenos poidan interrelacionarse a través do xogo e desenvolver as súas habilidades sociais”.