Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

O Goberno de Redondela denuncia actos de vandalismo acontecidos na mañanciña do domingo

Concello de Redondela
27-04-2021
0
O Goberno de Redondela denuncia actos de vandalismo acontecidos na mañanciña do domingo

Edificios particulares e públicos, mobiliario urbano e elementos patrimoniais amenceron con pintadas das que non se salvaron nin fotos da exposición Mulleres da illa.

O Concello de Redondela vén de dar conta dunha serie de actos vandálicos acontecidos na mañanciña do domingo que, en forma de pintadas realizadas por persoa ou persoas descoñecidas, afectaron tanto a edificios de vivendas coma a edificios públicos, mobiliario urbano e elementos patrimoniais da vila dos viadutos.

      

O Goberno local procede no día de hoxe a inventariar todos os danos ocasionados para, no día de mañá, presentar a correspondente denuncia nas dependencias da Policía Nacional de Redondela a fin de que desenvolvan as investigacións pertinentes que dean co autor ou autores dos feitos.

Viaduto de Madrid, palco da música e kiosko da Alameda, fachada do mercado de abastos e multiúsos da Xunqueira amenceron o domingo con pintadas ás que se suman as realizadas en varios edificios de vivendas do casco urbano. Por non salvarse destas actos de puro vandalismo, nin se salvaron os carteis da exposición Mulleres da Illa, colgados na Alameda de Redondela e que representan o valor destas mulleres en época da Guerra Civil e da ditadura franquista.

Son feitos, sinalouse por parte do Concello, que “prexudican notablemente á cidadanía” porque para limpar estas pintadas “é preciso empregar o tempo do persoal municipal e cartos do Concello que son diñeiros de todas e todos os veciños”.

Tanto a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, como o concelleiro de Parques e Xardíns, Alberto Álvarez, condenaron estes feitos “que nada teñen que ver coa lexítima defensa das ideas de cada quen, senón que son actos incívicos e vandálicos dos que carecen do máis mínimo respecto polos bens públicos que son patrimonio de toda a cidadanía”.

Non é esta a primeira vez que estes actos se producen, de feito, no pasado mes de marzo o Concello de Redondela denunciaba feitos similares na área infantil de Vilar do Mato, na parroquia de Ventosela.

O Concello segue chamando á colaboración veciñal para que, no caso de ser testemuña deste tipo de incidentes se poñan en contacto coa Policía Local