Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

A alcaldesa comparte un tempo cos nenos e nenas que participan nos campamentos de conciliación organizados pola Concellería de Igualdade

Concello de Redondela
16-07-2021
0
A alcaldesa comparte un tempo cos nenos e nenas que participan nos campamentos de conciliación organizados pola Concellería de Igualdade

Durante a visita supervisou as normas de seguridade sanitaria establecidas polo Concello para garantir a seguridade das rapazas e rapaces. A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, visitou esta semana aos rapaces e rapazas que participan nos campamentos de conciliación postos en marcha pola Concellería de Igualdade, que ela mesma xestiona, coa intención de facilitar a conciliación da vida laboral e familiar durante as vacacións escolares de verán.

Rivas compartiu un tempo cos nenos e nenas e, amais de falar das actividades que se estaban a desenvolver e coñecer a súa opinión sobre os campamentos, fíxolles entrega de mochilas creadas especificamente para esta actividade.

A visita foi tamén aproveitada pola rexedora local para supervisar as medidas de seguridade sanitaria activadas para estes campamentos. “Para nós é tan importante que os nenos e nenas gocen das actividades lúdico educativas, coma o feito de que o fagan con seguridade e con todas as garantías sanitarias”, asegurou.

Este é o segundo ano en que os campamentos de conciliación, que son totalmente gratuítos, abranguen os meses de xullo e agosto –co anterior Goberno só se celebraban en xullo– e, a maiores, neste ano introduciuse a novidade moi ben acollida polas familiar como é que a inscrición poida facerse por quincenas en lugar de por meses completos.

“Buscamos –explicou a alcaldesa redondelá– fórmulas máis flexibles e que cubriran un dobre obxectivo: por unha banda o das familias non precisaban de todo o mes para conciliar a súa vida laboral e familiar e, doutro, posibilitar a participación do maior número posible de nenos e nenas”.

Xuventude á Auga

Na mesma liña de ofrecer tanto actividades deportivas e de lecer para o verán, cómpre lembrar que o Concello de Redondela, a través das concellerías de Deportes e Mocidade, que xestionan Nacho González e Olga García Ballesteros, respectivamente, puxo en marcha o programa 'Xuventude á auga'

'Xuventude á Auga' está dirixida á infancia e mocidade con idades comprendidas entre os 8 e 18 anos e desenvolverá as súas actividades na praia de Cesantes en dous quendas de 40 participantes cada unha delas. A primeira abrangue o período comprendido entre o 19 de xullo e 30 de xullo, mentres que a segunda quenda terá lugar do 2 de agosto ao 13 de agosto. En ámbalas dúas quendas o horario será o mesmo: de 9 a 14 horas.

Digna Rivas salientou a importancia dun programa destas características “na que por primeira vez aténdese á necesidade de actividades para unha franxa de idade totalmente esquecida, a de 14 a 18 anos”.