Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Amplíase o prazo de presentación de traballos para o II Premio Sesé Mateo de Xornalismo Ético no tratamento da violencia machista

Concello de Redondela
27-09-2022
0
Amplíase o prazo de presentación de traballos para o II Premio Sesé Mateo de Xornalismo Ético no tratamento da violencia machista

O certame é a nivel nacional e está dotado con 1.500 euros. O premio quere ser un recoñecemento as e os profesionais que, ademais de informar sobre a violencia machista, fuxan do sensacionalismo e coiden a intimidade das vítimas. O prazo amplíase 17 días naturais, ata o 17 de outubro (este incluído).

O Concello de Redondela amplía o prazo de presentación de proxectos para o II Premio Sesé Mateo de Xornalismo Ético no tratamento da violencia machista. Acéptanse traballos de calquera xénero xornalístico (noticias, artigos de opinión, reportaxes etc.) ata o 17 de outubro de 2022, inclusive.

Agora, o prazo inicialmente aberto ata o 30 de setembro, amplíase 17 días para achegar o máximo posible a data de entrega coa data da presentación do premio e así dar oportunidade a máis xente de presentarse, xa que trátase dun premio a nivel nacional.

As bases reflicten unha amplitude moi grande de profesionais e un abano extenso de formatos, polo que foi necesario ampliar o prazo para chegar a maior xente posible. A alcaldesa quere reiterar que “é importante recoñecer e tratar a ética feminista en todos os ámbitos”. Ademais, aconsellados polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) “o cambio de data foi algo necesario, xa que esta é a época con máis convocatorios para certames en Galicia, polo que se quere facilitar e flexibilizar esta oportunidade”.

Redondela, lembrou a alcaldesa, “está sendo nos últimos anos un referente en igualdade e na loita contra a violencia machista, a creación destes premios en memoria a Sesé Mateo, son outro paso máis na loita diaria para acadar unha igualdade real entre homes e mulleres”. No xornalismo, engadiu Rivas, “é moi doado caer en tópicos e sensacionalismos á hora de informar sobre a violencia contra as mulleres e consideramos que era preciso premiar a aqueles e aquelas que, conscientes da gravidade da situación, evitan calquera tipo de sensacionalismo antepoñendo a ética profesional a calquera outra consideración”.

Premio Sesé Mateo de Xornalismo Ético no tratamento da violencia machista

O II Premio Sesé Mateo de Xornalismo Ético no tratamento da violencia machista, dotado con 1.500 euros en metálico, está aberto aos traballos de calquera xénero xornalístico (noticias, artigos de opinión, reportaxes etc.) sen límite de extensión e que fosen publicados, en medios escritos (diarios, revistas ou medios dixitais acreditados), radio ou televisión, entre o 1 de setembro de 2021 e o 31 de agosto de 2022 e que deberán ser presentados antes do 17 de outubro do 2022.

Amais dos profesionais de xeito individual, tamén poderán presentar propostas e candidaturas os xornais, radios ou televisións. Neste caso, de resultar premiado o traballo, a beneficiaria e quen recibirá o premio será a persoa autora do traballo.

Só se poderá presentar un traballo por persoa. No caso de coexistir un traballo presentado polo/a autor/a e outro ou o mesmo dese/a autor/a proposto/a por calquera entidade, prevalecerá a candidatura do/a autor/a, rexeitándose a presentada polo xornal, radio ou televisión, respectándose así a Lei de propiedade intelectual (RDL 1/1996, do 12 de abril).

Os traballos poderán presentarse en lingua galega ou castelá, pero valorarase con maior puntuación os realizados en lingua galega por ser o seu uso minoritario no ámbito xornalístico e tendo en conta que “Redondela foi sempre pioneiro no uso, potenciación e espallamento da lingua galega”

As bases ao completo, poden consultarse na ligazón

https://boppo.depo.gal/web/boppo/detalle/-/boppo/2021/08/31/2021042654