Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

As Bibliotecas Municipais de Redondela reinician este mércores 20 de maio a súa actividade presencial

Bibliotecas de Redondela
19-05-2020
0
As Bibliotecas Municipais de Redondela reinician este mércores 20 de maio a súa actividade presencial

Os centros de Redondela e Chapela abrirán de 09:00 a 14:00 h. de luns a venres con servizo de préstamo e devolución.

As Bibliotecas Municipais de Redondela abren de novo as súas portas ao público este mércores, 20 de maio. Farano a través dun protocolo específico que establece pautas e medidas de protección e hixiene, co obxectivo de garantir a seguridade sanitaria para o persoal e usuarios e usuarias.

Os centros de Redondela e mais de Chapela, abrirán de luns a venres en horario de 09:00 a 14:00 horas, para o servizo de préstamo e devolución de documentos.

As persoas que o desexen poderán realizar vía correo electrónico (bibliotecaredondela@redondela.gal bliotecachapela@redondela.gal) a petición previa dos documentos, e indicaráselles o día en que poden recollelos. Desta maneira os fondos solicitados estarán preparados cando os usuarios accedan á biblioteca.

Non haberá acceso directo á colección, polo que as obras serán solicitadas polos usuarios e proporcionadas polo persoal da biblioteca. Ao ser devoltas, as obras gardarán unha corentena de 14 días, de maneira que poda garantirse que non estean infectadas cando volvan ser prestadas.

En canto ao aforo, soamente poderá permanecer no interior das salas unha persoa . No caso dos menores de 14 anos só terán acceso cando estean acompañados por un adulto responsable.


Ante esta nova etapa da súa actividade, as bibliotecas municipais de Redondela queren incidir na seguridade das mesmas polo que comezarán a utilizar nas súas redes sociais o cancelo #bibliotecaslugaresseguros

Máis información:


http://bibliotecasredondela.blogspot.com/2020/05/20-de-maio-apertura-das-bibliotecas.html