Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Ecovidrio e Concello de Redondela impulsan a reciclaxe de vidro en Redondela durante o Nadal cunha árbore formada por 'miniglús'

Concello de Redondela
22-12-2021
0
Ecovidrio e Concello de Redondela impulsan a reciclaxe de vidro en Redondela durante o Nadal cunha árbore formada por

En colaboración coa Concellería de Medio Ambiente do Concello instalará o día 22 de decembro unha peculiar Árbore de Nadal de catro metros de altura e formada por 75 miniglús

Ecovidrio, entidade sen ánimo de lucro encargada da xestión da reciclaxe dos residuos de envases de vidro en España, en colaboración co Concello de Redondela, instalou na mañá de hoxe na Praza da Constitución, unha orixinal Árbore de Nadal de catro metros de altura formada por un total de 75 miniglús.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, acompañada polo concelleiro de Medio Ambiente, Alberto Álvarez e o xerente de zona de Ecovidrio, Germán Fernández, asistiu á colocación deste peculiar adorno de Nadal que forma parte dunha campaña de sensibilización para concienciar aos e ás redondelás sobre a importancia da reciclaxe de envases de vidro durante as celebracións de Nadal, nas que se xera ata o 20 % de todos os residuos de envases de vidro do ano.

Na contorna da árbore de miniglús quedou instalada unha caseta informativa –aberta de 11:00 h a 18:30 horas– na que educadores ambientais informan á cidadanía sobre a forma de separar correctamente os seus envases de vidro e os beneficios ambientais da súa reciclaxe. Durante toda a xornada de hoxe repartiranse 75 miniglús do Nadal e plantas de acivro entre os visitantes da caseta que respondan a unhas sinxelas preguntas sobre a reciclaxe de vidro.

A alcaldesa de Redondela, que agradeceu a iniciativa de Ecovidro, subliñou a importancia da reciclaxe “como medida fundamental para a conservación do medio ambiente” e lembrou a forte aposta “que pola reciclaxe, en todos os seus aspectos, está a realizar o Goberno local a través da Concellería de Medio Ambiente”. Animou Digna Rivas á veciñanza “a poñer o seu gran de area para, entre todos e todas, deixar aos nosos fillas e fillas un entorno natural sostible”.

A reciclaxe de vidro en Redondela

Segundo os últimos datos oficiais de 2020, a cidadanía de Redondela reciclou un total de 401 toneladas de envases de vidro, o que supón que cada persoa reciclou unha media de 13,7 quilogramos deste material.

Respecto á taxa de contedores/habitante, Redondela sitúase cunha media de 228 persoas por contedor, contando na actualidade cun total de 128 iglús para os residuos de envases de vidro instalados na provincia.

Máis sobre a reciclaxe de vidro

O vidro que se deposita nos contedores recíclase ao 100 % e utilízase para a fabricación de novos envases, de forma indefinida e sen perder as propiedades orixinais.

Reciclar vidro é un elemento crave na loita contra o cambio climático. Ao usar calcín –vidro reciclado– na fabricación de novos envases evítase a extracción de materias primas da natureza, evitando a erosión dos chans e a deforestación da nosa contorna. Ademais, minimízase a emisión de CO2 no proceso de fabricación, afórrase enerxía e evitamos o crecemento das entulleiras.

Sobre Ecovidrio

Ecovidrio é a entidade sen ánimo de lucro encargada da xestión da reciclaxe de residuos de envases de vidro en España. Tras a aprobación da Lei de Envases e Residuos de Envases en 1997 e o arranque das súas operacións en 1998, converteuse na entidade xestora dun modelo de reciclaxe que garante un servizo completo e ao que teñen acceso todos os cidadáns. En termos de financiamento, 8.000 compañías envasadoras fan posible, coa súa achega a través do punto verde, o sistema de reciclaxe.

O labor de Ecovidrio destaca por garantir a reciclaxe de alta calidade a través do contedor, potenciar as infraestruturas de contenerización e recollida, investir en plans e recursos destinados a incrementar a reciclaxe de envases de vidro na hostalería, mobilizar aos cidadáns a través de campañas de sensibilización e promover a prevención e o ecodiseño dos envases.

Nas últimas dúas décadas o sistema de Ecovidrio permitiu o crecemento exponencial da taxa de reciclaxe pasando dun 31,3% no ano 2000 ao 79,8% en 2019, segundo os últimos datos oficiais do Ministerio para a Transición Ecolóxico e Reto Demográfico ( MITERD).

A reciclaxe de envases de vidro é un elemento fundamental para contribuír ao desenvolvemento sostible, fomentar a transición cara á economía circular e loitar contra o cambio climático. Ademais, a reciclaxe de envases de vidro é unha actividade apoia o cumprimento da Axenda 2030 e os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, concretamente, redunda sobre os obxectivos (11) Cidades e comunidades sostibles, (12) Produción e consumo responsables e (13) Acción polo clima.