Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Arealonga recupera a súa memoria fotográfica a través dun panel situado no paseo marítimo

Concello de Redondela
04-11-2021
0
Arealonga recupera a súa memoria fotográfica a través dun panel situado no paseo marítimo

As fotos de Gonzalo Mencía, permiten facer un percorrido a través do tempo e dos cambios urbanísticos que modificaron a personalidade do lugar. O Concello de Redondela acaba de instalar un panel no paseo marítimo de Arealonga que recolle parte da memoria fotográfica desta zona de Chapela. A foto central, da autoría de Pacheco, retrata a paisaxe mariñeira e, ao seu arredor, se incluíron outras fotografías coas que se busca recuperar a memoria e a tradición marítima de Chapela.

Logo de sufrir cambios urbanísticos –uns con máis acerto que outros– que transformaron a súa personalidade, este panel permite, entre outras cousas, observar os cambios producidos e comparar, por exemplo, a praia de Arealonga como era antes e como é agora.

As fotografías que forman parte deste panel están recollidas no libro de Gonzalo Mencía Chapela, de onte a hoxe, que o Concello de Redondela vén de reeditar tras esgotarse a primeira edición feita hai varios anos.

O libro será presentado na biblioteca Xela Arias de Chapela o vindeiro mércores, 10 de novembro ás 19 horas, nun acto no que estará presente o autor da obra, Gonzalo Mencía, e a alcaldesa e concelleira de Normalización Lingüística, Digna Rivas quen fixo fincapé na importancia que ten “a difusión de todos aqueles traballos que permitan afondar no coñecemento sobre as nosas parroquias e a súa historia”.