Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

O Arquivo de Redondela participa do proxecto ATOPO da Deputación de Pontevedra

Concellaría de Cultura. Concello de Redondela
12-02-2020
0
O Arquivo de Redondela participa do proxecto ATOPO da Deputación de Pontevedra

Os fondos documentais e audiovisuais do Arquivo municipal, poderán ser consultados, a partir de agora, a través do buscador global da Deputación “Atopo”.

O Martes 11 de Febreiro a responsable do Arquivo municipal de Redondela, Dna. Ana Gesteira Ponce, e o técnico do Arquivo da Deputación de Pontevedra, D. José Luis Castro Carpintero, mantiveron unha reunión nas Instalacións do Arquivo provincial na que a propia Deputación explicou o funcionamento deste novo buscador online.

Trátase dunha páxina web dende a que se poderá consultar dun xeito rápido e global, toda a información de libre acceso dos fondos do Museo de Pontevedra, do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación, dos Arquivos e Bibliotecas municipais e doutras institucións, públicas ou privadas, da provincia de Pontevedra.

Deste xeito, escribindo un termo no buscador da páxina https://atopo.depo.gal  poderás saber qué documentos existen en relación a el en Pontevedra, que libros nas Bibliotecas privinciais, que cancións nas Fonotecas adheridas á web ou que fotografías relacionadas.

Sempre que o Arquivo, Biblioteca, Museo, Hemeroteca ou Fonoteca teña dixitalizado o documento, fotografía ou peza musical, poderase desfrutar e descragar directamente nesta web, sen necesitar de visitar persoalmente as instalacións, nen realizar un trámite de solicitude de acceso.

Trátase dun proxecto vivo, que está en constante crecemento xa que é unha web constantemente alimentada con novos recursos.

O Concello de Redondela, integrado na rede de Arquivos da provincia de Pontevedra tutelados pola Deputación de Pontevedra, participa activamente nesta páxina web.

O fondo documental do Arquivo municipal de Redondela (composto hoxe en día de 77.471 unidades de instalación) ten accesibles no ATOPO 8.930 expedientes con 6.952 imáxenes documentais dispoñibles.

A responsable do Arquivo do Concello de Redondela mostrouse moi ilusionada con este proxecto, xa que o entende “como o momento en que as institucións cuidadoras da información dan un paso cara ó mundo tecnolóxico, adaptándose e facilitando dun xeito increíble, o acceso das persoas investigadoras, historiadoras e curiosas ás primeiras fontes información. As 24 horas e os 365 días ó ano”.

Pola súa parte, o Concello de Redondela, a través da Concellaría de Cultura, comprometeuse nesta mesma reunión a realizar dende hoxe os traballos e as xestións necesarias para poder volcar na web da Deputación, as 2088 fotografías do Arquivo Audiovisual cedidas pola veciñanza da vila para a súa difusión.

Deste xeito, tanto o Arquivo documental coma o Arquivo audiovisual do Concello de Redondela estarán accesibles a calquera persoa a través da páxina web ATOPO da Deputación de Pontevedra e o seu buscador global.

 

Redondela, 12 de Febreiro do 2020.