Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Mellora da accesibilidade da Praza de Abastos

concello de redondela
23-12-2021
0
Mellora da accesibilidade da Praza de Abastos

O Goberno redondelán mellora a accesibilidade da Praza de Abastos coa instalación dun ascensor

As obras, amais de permitir que a instalación cumpra coa normativa de accesibilidade en edificios públicos, permitirá a dinamización da primeira planta á que só se podía acceder a través das escaleiras

Redondela, 23 de decembro de 2021. O Concello de Redondela vén de dar por rematadas as obras de accesibilidade da Praza de Abastos coa instalación dun ascensor que permitirá que, por unha banda, este edificio municipal cumpra coa normativa de accesibilidade en edificios públicos e por outra permita a dinamización e aproveitamento da primeira planta do inmoble, accesible ata o de agora só a través das escaleiras.

As obras, realizadas pola empresa Ocisat, S.L. supuxeron un investimento de 44.048,46 euros –IVE incluído– e contaban cunha subvención da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural –no programa de subvencións para proxectos de rehabilitación e reforma de mercados municipais– e cofinanciadas polos fondos europeos FEDER.

A mellora a accesibilidade era un paso imprescindible para o obxectivo que para esta instalación teñen marcadas as concellerías de Feiras e Mercados e Comercio, que xestionan Vicente Lamas e María Castro, respectivamente, que non é outro que converter a praza de abastos de Redondela nun mercado moderno e competitivo e que poña en valor o comercio de proximidade e sexa referencia de produtos de calidade.

Tanto a alcaldesa como a concelleira de Comercio lembraron que as obras de accesibilidade agora realizadas, “non son máis que o punto de partida dun programa de modernización que contempla a rehabilitación total do edificio” e para o que “xa existe un proxecto de reforma con máis de 1,5 millóns de euros de investimento”.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas insistiu na importancia de que o Mercado de Abastos de Redondela, modernizado e accesible, convértase “no centro dinamizador da economía da contorna” . A Praza de Abastos, afirmou a rexedora redondelá, “é xa un lugar de venda de produtos de proximidade de calidade contrastada e, ten que dar agora un paso adiante, para ser tamén un espazo vivo e centro de dinamización social da zona”.