Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

O Concello de Redondela acusa á Xunta de inacción ante os reiterados incumprimentos de Aucosa para poñer fin aos malos cheiros

Concello de Redondela
01-02-2021
0
O Concello de Redondela acusa á Xunta de inacción ante os reiterados incumprimentos de Aucosa para poñer fin aos malos cheiros

O Goberno local lembra que a inactividade na adopción de medidas de carácter sancionador e de restauración da legalidade “en casos de afectación do medio ambiente e da saúde das persoas” pode xerar responsabilidade de toda orde

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e o concelleiro de Medio Ambiente, Roberto Villas anunciaron hoxe a remisión á Xunta de Galicia dun oficio no que se detallan polo miúdo, os reiterados incumprimentos de Aucosa á hora de acometer obras que rematen cos malos cheiros que afectan “gravemente á calidade de vida dos veciños e veciñas”.

Nese mesmo oficio lémbranlle á Xunta que a empresa “tiña que estar cumprindo a Declaración Ambiental Integrada da Xunta de Galicia” e que a día de hoxe “á está cumprindo reiteradamente”. O Goberno local subliña que á administración ambiental correspóndelle legalmente a vixilancia do efectivo cumprimento da antedita Declaración Ambiental Integrada e, en caso contrario, a imposición de medidas de carácter sancionador e de reposición da legalidade. “A inactividade respecto diso en casos de afectación do medioambiente e da saúde das persoas pode xerar responsabilidades de toda orde para os autores de tal conduta omisiva”, advirte o Concello redondelán.

Digna Rivas e Roberto Villar lembraron que, dende o mesmo momento de toma de posesión, o novo Goberno comezou a traballar para “poñer fin a un problema que nestes momentos afecta gravísimamente á calidade de vida da veciñanza e que, nestas últimas semanas, intensificouse ata ser insoportable”.

“Reunímonos varias veces coa directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático e a contestación soi sempre “imos miralo ou hai que colaborar” pero na realidade, sinala a alcaldesa de Redondela, “miramos que non é así e a Xunta de Galicia mira para outro lado cando a empresa incumpre un compromiso, firmado coa propia administración autonómica, de ter rematadas as obras que poñan fin aos malos cheiros o pasado 30 de novembro”

Digna Rivas e Roberto Villa foron rotundos: “a Xunta non está realizando o seu traballo. Tería que controlar periódicamente a actividade da fábrica, comprobar se remataron ou non os traballos comprometidos e, en caso contrario, limitar ou impedir a entrada de materia prima ata que ditas obras para poñer fin aos malos cheiros, estiveran rematadas”.

Pese aos informes remitidos case que a diario polo Concello á administración ambiental galega “a Xunta segue optando polo silencio por resposta e a veciñanza segue convivindo cuns cheiros que son absolutamente insoportables e que, nestes pasados días, chegaron ata Vigo e ata o mesmo centro urbano de Redondela”.

A alcaldesa de Redondela pregúntase “onde está a Xunta de Galicia á hora de garantir a seguridade sanitaria das veciñas e veciños?”. “A veciñanza está farta e o Concello tamén”, afirmou Digna Rivas, ao mesmo tempo que adiantaba que o Goberno local “adoptará todas as medidas que sexan necesarias para que as xustas peticións das veciñas e veciños, teñan unha resposta axeitada”.