Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Augas Turbias no río Alvedosa

Concellaría de Medio Ambiente. Concello de Redondela
24-05-2020
0
Augas Turbias no río Alvedosa

A concellaría de Medio Ambiente informa que as augas turbias do Rego Maceiras que chegaron ao centro da vila na tarde do sábado 23 de maio foron consecuencia dunha purga da rede de abastecemento de auga.

En Redondela, despois do mediodía do 23 de maio de 2020, produciuse un episodio de augas turbias no Rego Maceiras; que acabou chegando ao centro da vila e que provocou numerosos avisos da veciñanza en varios departamentos do Concello.

Pola tarde mobilizáronse dúas patrullas da Policía Local, o axente de medio ambiente do Concello e o responsable de Aqualia; para iniciar as tarefas de busca da procedencia das augas turbias río arriba. Finalmente a Policía Local localizou a procedencia destas augas turbias nos depósitos da traída de auga municipal que están na parroquia de Quintela, nos que se realizou unha purga de augas limpas esa mesma mañá. A consecuencia da purga houbo un pequeno movemento de terras, debido á presión que formaron unha enlamada no canal de alivio do depósito que dá ao Rego Maceiras. 

Polo tanto, ao tratarse de auga limpa do deposito municipal que moveu terras das canles naturais, queda descartada unha contaminación das augas fluviais. As purgas da rede de abastecemento de augas son un proceso que se realiza para manter a rede en boas condicións de cloro, pois ao non existir movemento de auga por falta de consumo en partes da rede municipal, existen partes finais da rede que poden ter baixa concentración de cloro, e a solución é darlle movemento a esa auga. De feito, no día de hoxe tamén se realizaron purgas na contorna da “Farola” de Redondela, á altura da parada de taxis, e que provocou algún aviso da veciñanza.


Nesta actuación participaron tamén o Concelleiro de Interior, acudindo á zona, e o Concelleiro de Medio Ambiente, que coordinou as informacións que foron chegando xunto co Policía de Medio Ambiente e a empresa concesionaria. Despois deste episodio e cando se teñan os informes oportunos dende o departamento de Medio Ambiente, estudarase o acontecido por se houbese que tomar algún tipo de medida para as vindeiras purgas.