Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

O Concello inicia o reparto das axendas escolares para o curso 2021/2022 que inclúen unha lembranza ás Mulleres da Illa

Concello de Redondela
15-09-2021
0
O Concello inicia o reparto das axendas escolares para o curso 2021/2022 que inclúen unha lembranza ás Mulleres da Illa

A alcaldesa Digna Rivas asistiu hoxe no CEIP Plurilingüe Quintela ao reparto que se está a realizar entre o alumnado de infantil e primaria. “É importante que as axendas escolares, amais de ser unha ferramenta de comunicación útil entre alumnado, familias e profesorado, sirva para poñer en valor episodios da historia do municipio para que os máis novos a coñezan e poidan transmitila a vindeiras xeracións”, asegurou hoxe a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, que asistiu a entrega destas Axendas Escolares 2021/2022 ao alumnado do CEIP Plurilingüe Quintela.

De feito, a axenda escolar de Redondela, iniciativa da Concellería de Ensino que xestiona Olga García, está pensada como un instrumento útil entre a comunidade educativa e de axuda á planificación do traballo das e dos escolares.

Dado que este ano 2021 é para o concello de Redondela 'O ano das Mulleres da Illa de San Simón' a axenda escolar inclúe nas súas primeiras páxinas as fotos de todas e cada unha das 'madriñas', as mulleres que foron quen de achegar esperanza e dignidade aos presos políticos que esperaban, na illa de San Simón, un futuro incerto.

Amais das fotografías destas “auténticas heroínas”, como as describiu a rexedora redondelá, a Axenda Escolar 2021/2022 inclúe unha breve historia destas mulleres “para que a nosa infancia e mocidade, nunca esqueza a que, con grave risco das súas vidas, teceron unha auténtica rede solidaria de axuda aos presos políticos”.