Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

O Concello de Redondela recibe unha axuda da Deputación de Pontevedra para continuar co proxecto de Toponimia

Concello de Redondela
14-07-2022
0
 O Concello de Redondela recibe unha axuda da Deputación de Pontevedra para continuar co proxecto de Toponimia

A subvención de algo máis de 3300 euros permite ao Goberno local continuar co seu traballo de recuperación, difusión e divulgación da microtoponimia de Redondela “que é parte da nosa propia identidade” sinala a alcaldesa Digna Rivas

O Servizo de Normalización Lingüística de Redondela, dependente da Concellería que xestiona a alcaldesa Digna Rivas, vén de conseguir unha axuda da Deputación de Pontevedra para continuar co proxecto de toponimia que viña desenvolvendo. Por segundo ano consecutivo, o Concello redondelán mantén a súa aposta pola recuperación, difusión e divulgación da microtoponimia como garantía de conservación pero tamén para a súa posta en valor como patrimonio inmaterial do pobo galego. Desta vez o SNL recibirá unha axuda polo importe de 3317,34€.

Cómpre lembrar que, dende a súa chegada ao Concello, o Goberno socialista mantén unha firme aposta non só pola recuperación da microtoponimia do municipio para evitar que caia no esquecemento, senón tamén para a súa difusión e divulgación e, dentro desas iniciativas, o SNL puxo en marcha unha web de toponimia (toponimia.rendondela.gal), unha páxina que ten elementos diferenciadores con outras páxinas similares como é que cada microtopónimo vai acompañado da correspondente explicación sobre a orixe do mesmo.

Digna Rivas subliñou a importancia de recoller toda a toponimia “aínda viva na veciñanza ante o perigo inminente de perda” e nese sentido agradeceu “o apoio incondicional da Deputación de Pontevedra que, dende o comezo, prestou a este proxecto”.

O proxecto do Goberno redondelán trata de minguar a perda da riqueza do patrimonio inmaterial “que corre serio risco de desaparición coa morte de cada persoa maior”, asegura a alcaldesa redondelá quen lembrou que a toponimia “é un dos elementos do patrimonio inmaterial valorados pola UNESCO como de especial protección”.