Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

O Concello de Redondela solicitou as axudas para contratación de mulleres de violencia de xénero “en tempo e forma”

Concello de Redondela
04-02-2021
0
O Concello de Redondela solicitou as axudas para contratación de mulleres de violencia de xénero “en tempo e forma”

O Goberno redondelán lamenta o intento do PP local “de confundir á poboación” sobre un tema “de extraordinaria sensibilidade e co que o executivo local está plenamente comprometido”

A Concellería de Servizos Sociais que dirixe a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, remitiu “en tempo e forma” toda a documentación precisa para acollerse ao programa da Xunta de Galicia que permite a contratación de mulleres vítimas de violencia machista.

O Goberno local lembra que “a loita pola igualdade e a eliminación da lacra que supón a violencia machista” é unha das súas prioridades de Goberno e, nesa liña, acollerase a todas as medidas, como é este tipo de subvencións, que permiten que as mulleres obxecto de violencia machista “poidan recompoñer as súas vidas dende a independencia económica que lles proporciona un traballo digno”.

Doutra banda, o executivo redondelán lamenta “o uso partidista que lle quere dar o PP local a un tema extraordinariamente sensible e co que este Goberno está comprometido dende a súa mesma chegada ao Concello”, sinala o Goberno local.

“Non é de recibo que nun tema como este, os populares tenten desinformar, confundir e enganar a cidadanía” con frases ambiguas como na que aseguran que pediron ao Goberno “por terceira vez, que solicite á Xunta de Galicia as axudas para facilitar ás mulleres vítimas de violencia machista, a posibilidade de poder reintegrarse ao mercado laboral”, apunta Digna Rivas.

Con tan só consultar a documentación á que teñen acceso, “poderían comprobar que foi enviada en tempo e forma á Xunta de Galicia, moito antes que rematara o prazo que aínda conclúe o vindeiro 11 de febreiro” e que antes “houbo que estudar, polo miúdo, o encaixe das contratacións a realizar para evitar calquera tipo de irregularidade”, engade a alcaldesa de Redondela.

A violencia machista, que supón non só unha lacra social senón un auténtico inferno para ás mulleres que a sofren e os seus fillos e fillas, “é un tema no que debería extremarse a precaución nas declaracións públicas, dada a inquedanza que producen e, cando máis, se son infundadas e teñen unha clara motivación política”, finaliza Digna Rivas.