Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

A saúde mental e o autocoidado, temáticas centrais nas Bibliotecas Municipais de Redondela

Concello de Redondela
27-03-2023
0
A saúde mental e o autocoidado, temáticas centrais nas Bibliotecas Municipais de Redondela

As Bibliotecas Municipais e mais a área de Cultura do Concello dan forma ás propostas da Infancia e a Adolescencia de Redondela A saúde mental, especialmente na poboación nova, é unha das cuestións que máis preocupan á poboación nos últimos anos. Estudos de UNICEF alertan da alta incidencia de problemas de saúde mental diagnosticados na poboación menor de 18 anos, e das altas tasas de suicidio. Ao tempo, o informe "La situación de la infancia en España 2022", de Plataforma de Infancia alerta do alto aumento dos trastornos de saúde mental nesta franxa da poboación, que chega case a duplicarse frente aos anos previos á Pandemia.

Atento a esta problemática, o Concello de Redondela celebrou o pasado mes de novembro a reunión do Consello Municipal de Infancia e Adolescencia, cun pleno monográfico sobre o coidado da saúde mental. Nesta xuntanza plenaria participaron representantes de dez centros de ensino públicos e privados do Concello. Todos eles viñan de realizar previamente unha análise da situación dentro das aulas, e de elaborar propostas atinadas para presentar ás autoridades municipais, en aras de que podan paliar un problema acuciante. En resposta ás propostas presentadas, a área de Cultura de Redondela elaborou o Ciclo de Saúde e Benestar “Cultívate”, que está a celebrarse nestas semanas, e que incide nos hábitos alimentarios, a escritura expresiva, a creatividade e a expresión corporal.

As bibliotecas municipais, pola súa banda, veñen de poñer en marcha unha das peticións que se repetiron ao longo das exposicións do Consello Municipal de Infancia: a creación de seccións de biblioterapia adicadas ao autocoidado e á saúde mental, tanto nas salas dos adultos como nas áreas infantís de cadansúa biblioteca (Redondela e mais Chapela). Nestas áreas non só dispoñemos libros de divulgación sobre a saúde mental e publicacións de “autoaxuda”, senón que tamén está provista doutras propostas máis amplas, como libros de narrativa, poesía, cómic ou álbum ilustrado, así como películas. Todos eles documentos especialmente escollidos polo persoal da biblioteca, e pensados en ser textos ou documentos inspiradores dende o punto de vista da saúde emocional, libros terapéuticos, por seren excelentes apoios para a mellora do estado emocional e coadyuvantes no coidado da saúde mental.

Esta acción compaxínase coa participación das nosas bibliotecas municipais no proxecto Biblioterapia, posto en marcha en 2018 e promovido pola Axencia de Coñecemento en Saúde e a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, coa colaboración da Rede de Bibliotecas de Galicia entre outros. As bibliotecas municipais de Redondela temos sinalizados e identificados cun distintivo os libros das nosas coleccións seleccionados e recomendados neste proxecto.

As bibliotecas municipais de Redondela queremos ampliar a difusión e a incidencia destas lecturas con diferentes accións, e animar á poboación a difundir as súas recomendacións de “libros biblioterapéuticos”.

Con estas accións as bibliotecas municipais contribuimos ao obxectivo 3 dos Obxectivos do Desenvolvemento Sostible, centrado na saúde e benestar.