Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

O Concello abre a inscrición para o servizo de préstamo de dúas biotrituradoras

concello de redondela
05-01-2022
0
O Concello abre a inscrición para o servizo de préstamo de dúas biotrituradoras

As persoas solicitantes non teñen que ser participantes nos programas de compostaxe doméstica.


Redondela, 3 de xaneiro de 2022. Dende o pasado 3 de xaneiro, veciñas e veciños de Redondela poden inscribirse no servizo de préstamo de biotrituradoras, unha iniciativa da Concellería de Medio Ambiente que dirixe Alberto Álvarez e que reafirma a aposta do Goberno socialista redondelán pola compostaxe e a protección do medio ambiente.

A través deste servizo, a veciñanza poderá dispoñer dunha biotrituradora en réxime de préstamo, para desmenuzar ramas de ata 4 centímetros de diámetro e, dese xeito, xerar estruturante para aportar aos composteiros, un material do que é deficitario o municipio redondelán.

Para darse de alta no servizo, as interesadas e interesados deberán utilizar o formulario que se pode descargar da páxina web do Concello –www.redondela.gal– no apartado de Medio Ambiente. Unha vez cuberta, a solicitude deberá presentarse nos rexistros autorizados do Concello, en Redondela e Chapela, ou a través do rexistro electrónico.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, quen fixo fincapé na importancia da compostaxe “á hora de contribuír á mellora da calidade medioambiental e a redución de custes no tratamento dos residuos sólidos urbanos”, lembrou que as veciñas e veciños que desexen utilizar este servizo de préstamo de biotrituradoras, “non teñen que ser participantes nos programas de compostaxe doméstica”.

Os aparellos obxecto do préstamo –cunhas dimensións de 60x100x100 (anchura, longo e altura)– contan cun motor eléctrico e unha potencia mínima de 3 HP e están dotadas con coitelas desfribriladoras e contracoitelas que permiten a corta de produtos leñosos e fibrosos. A maiores, están dotadas de martelos móbiles para a trituración final para follas e ramas (cun diámetro máximo de 5 mm) e setos. A produción aproximada é de 1 metro cúbico/hora.