Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

O Concello traslada o busto de Valle-Inclán á biblioteca municipal que leva o nome do ilustre dramaturgo

Concello de Redondela
17-02-2022
0
O Concello traslada o busto de Valle-Inclán á biblioteca municipal que leva o nome do ilustre dramaturgo

O busto de Ramon María del Valle-Inclán preside, dende hai uns días, a entrada da Biblioteca Municipal de Redondela que leva o nome do ilustre dramaturgo, poeta e novelista de Vilanova de Arousa.

Ata o seu traslado, a imaxe en pedra de Valle-Inclán, un dos escritores galegos con maior proxección nas letras hispánicas, estaba situada na Praza de Figueroa, próxima á casa do Concello nunha ubicación non excesivamente adecuada e que facía que moitas veces pasase desapercibida. Esa situación, un tanto estraña ao estar nunha praza dedicada a outra persoa, explícase facilmente xa que a biblioteca municipal, que leva o seu nome, atopábase nos baixos da Casa Consistorial.

O Goberno local considerou que o cambio do busto ao seu novo emprazamento, a entrada da Biblioteca Municipal de Redondela 'Valle-Inclán' situada no Multiúsos da Xunqueira, non só puña en valor a obra escultórica e a figura do propio escritor, “senón que ten un lugar de honra na biblioteca que leva o seu nome”.

Con este cambio, explica Digna Rivas, “queremos recuperar a figura de Valle Inclán outorgándolle un lugar máis acorde coa súa figura e transcendencia cultural”.