Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

O Goberno local reafirma o seu compromiso coa eficiencia enerxética instalando caldeiras de biomasa no Multiúsos de Chapela e no Conservatorio

Concello de Redondela
09-07-2021
0
O Goberno local reafirma o seu compromiso coa eficiencia enerxética instalando caldeiras de biomasa no Multiúsos de Chapela e no Conservatorio

As obras contan cunha subvención do INEGA, a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), no marco do desenvolvemento de proxectos de enerxías térmicas renovables. O Concello de Redondela, a través ca Concellería de Transición Enerxética que xestiona Nacho González, ven de instalar senllas caldeiras de biomasa no Multiúsos de Chapela e no Conservatorio Municipal de Música de Redondela. Os traballos inclúense dentro das iniciativas que desenvolve o Goberno redondelán para mellorar a eficiencia enerxética dos edificios e instalacións públicas e seguir afondando en sistemas que reduzan a emisión de carbono á atmosfera.

No caso da caldeira instalada no Multiúsos de Chapela, conta cunha potencia instalada de 0,15 MW que permitirá unha redución de gases efecto invernadoiro de 13,337 ton CO2/ano. O investimento desta instalación é 63.048,26 euros (IVE incluído) dos que o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FERDER) achegará o 80 % (50.438,61 €), sendo a cantidade restante a achega do Concello de Redondela.

Pola súa banda, a instalación de biomasa para o Conservatorio de Música de Redondela, contou cun investimento total de 53. 490, 05 euros (IVE incluído), dos que os fondos FEDER achegaron 42.792,04 € (o 80 %). A potencia instalada, neste caso, é de 0,125 MW o que evitará a emisión á atmosfera de 8,410 con CO2/ano.

Con estas dúas instalacións de biomasa “o Goberno local mantén a súa aposta polas instalacións baixas en carbono, que reduzan sensiblemente a emisión de gases con efecto invernadoiro e que, polo tanto, contribúan ao coidado do medio ambiente”, explica a alcaldesa Digna Rivas.

Cómpre salientar que o Concello de Redondela está a desenvolver unha serie de auditorías enerxéticas para, en base aos resultados das mesmas, optimizar as instalacións tanto nos edificios municipais como no alumeado público. Estas actuacións, a maiores afondar na eliminación de emisións de CO2, contribúen un notable aforro dos custes enerxéticos.