Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

O Concello de Redondela substitúe o actual alumeado público das parroquias por luminarias LED

Concello de Redondela
11-04-2023
0
O Concello de Redondela substitúe o actual alumeado público das parroquias por luminarias LED

A iniciativa xa comezou en Vilar de Infesta para continuar en Quintela ata completar todas as parroquias. En total suman 1690 luminarias led e un presuposto de mais de 150.000 euros de fondos propios. A Concellería de Servizos Públicos Básicos, que xestiona Vicente Lamas e na que se inclúen os Servizos Eléctricos, está desenvolvendo un ambicioso plan de renovación e modernización do alumeado público das parroquias para substituír as actuais luminarias por outra dotadas de tecnoloxía LED.

Os traballos que supoñen un investimento de 150.000 euros, serán financiados por fondos propios do Concello e realizados con persoal municipal. Evitar a externalización do servizo é, ao entender da alcaldesa Digna Rivas “un xeito de diminuír custes e ter control directo sobre os traballos que se realicen. No Concello contamos con persoal máis que cualificado no servizo eléctrico para a realización destas tarefas e que, ademais, contará co reforzamento de tres persoas contratadas a través do Plan Concellos.

“O alumeado público é un servizo básico para a cidadanía ao mellorar non só a comodidade á hora de realizar desprazamentos nas horas nocturnas, senón tamén as súas condicións de seguridade”, afirmou a alcaldesa Digna Rivas que puxo en valor o feito de que “por primeira vez, un Goberno local decide reforzar o persoal destinado a este departamento, con tres operarios, para mellorar o servizo que se presta á cidadanía”.

A iniciativa xa comezou en Vilar de Infesta para continuar en Quintela ata completar todas as parroquias con 1690 luminarias. Os traballos a realizar permiten un substancial aforro ás arcas municipais e, a maiores, reduce a denominada 'pegada de carbono', diminuíndo as emisións de CO2.

A estas labores súmase o cambio do cableado do tendido eléctrico “naqueles lugares que as circunstancias e os informes técnicos o fagan preciso para, desa forma, optimizar o servizo que prestan”, explicou a alcaldesa.

A mellora dos servizos básicos á cidadanía, e de maneira especial o alumeado público das parroquias, é unha das prioridades do Goberno socialista dende a súa chegada ao Concello consciente de que “non pode haber veciñanza de primeira e de segunda dependendo do seu lugar de residencia”, afirma rotunda a alcaldesa de Redondela, “a veciñanza paga os seus impostos e, polo tanto, todos e todas teñen dereito a uns servizos públicos de calidade”, conclúe a rexedora local.