Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Comezan os obradoiros 'Camiño da Lingua' dirixidos ao estudantado de primaria dos colexios redondeláns

Concello de Redondela
03-05-2022
0
Comezan os obradoiros

A iniciativa, posta en marcha pola Concellería de Normalización Lingüística que dirixe a alcaldesa Digna Rivas e concibida como “un xogo arredor da lingua”, achega cultura, tradicións e sociedade a través do vínculo común do noso idioma

Dende onte luns, 2 de maio e até o vindeiro día 12 de maio, alumnos e alumnas de primaria dos colexios de Redondela, participan nos obradoiros 'Camiños da Lingua', unha iniciativa posta en marcha pola Concellería de Normalización Lingüística que xestiona a alcaldesa Digna Rivas e dentro das actividades encamiñadas a celebrar o 17 de Maio, Día das Letras Galegas. Un xogo arredor da lingua

'Camiños da Lingua' leva aos cursos de primaria unha actividade didáctica, lúdica e participativa concibida como “un xogo a través da lingua” e a través do que búscase que nenos e nenas aprendan distintos aspectos relacionados coa lingua –como poden ser vocabulario, refráns, cantigas...– pero que tamén lles permita coñecer a historia da cultura e da sociedade galega en xeral e da de Redondela en particular.

Serán, en total, 16 obradoiros nos que participarán os colexios de primaria de Quintela, Laredo, Cedeira, Porto Cabeiro, Alexandre Bóveda, Reboreda e Santa Mariña.

“É importante que as nosas nenas e nenos coñezan non só o idioma que nos é propio e que nos identifica como pobo, senón tamén a cultura e a historia de Galicia e Redondela que forman parte da nosa propia identidade”, afirma a alcaldesa Digna Rivas para que, “o único xeito de conservar o noso idioma e mantelo vivo a través do tempo, é que as e os máis pequenos o coñezan e o utilicen”.