Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

A Concellería de Igualdade abre a inscrición para os Campamentos de Conciliación do Nadal

Concello de Redondela
30-11-2021
0
A Concellería de Igualdade abre a inscrición para os Campamentos de Conciliación do Nadal

As e os interesados terán entre o 2 e 10 de decembro para presentar as súas solicitudes nos rexistros do Concello de Redondela

Facilitar a conciliación laboral e familiar da veciñanza e ofrecer ás nenas e nenos actividades lúdico formativas nas vacacións de Nadal, son dos dous obxectivos que buscan os Campamentos de Conciliación de Nadal que o Concello de Redondela, a través da Concellería de Igualdade que dirixe Iria Vilaboa, desenvolverá entre o 22 de decembro e 7 de xaneiro e que o 2 de decembro abren o seu prazo de inscrición.

A documentación desta convocatoria publicarase na páxina web municipal e poderase solicitar en formato papel no edificio municipal do Concello de Redondela ou nas oficinas do Centro de información á muller (CIM). Unha vez cubertos os impresos coa documentación que neles se solicita, deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello ata o 10 de decembro, data na que remata o prazo de presentación de solicitudes.

Os Campamentos de Conciliación do Nadal están dirixidos a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e 12 anos e realizarán as súas actividades entre as 9 h e 14 h divididos por grupos de idade e baixo medidas estritas de control sanitario para garantir, en todo momento, a seguridade dos pequenos e pequenas participantes.

Como medida adicional de protección, cómpre salientar que é preciso que as e os menores –durante os 14 días previos a súa incorporación ao Programa municipal de conciliación 2021–Convocatoria Nadal–, non deben estar diagnosticadas/os de COVID-19 nin presentar sintomatoloxía asociada a este virus (tose, febre, dificultade ao respirar...), nin ningunha outra enfermidade contaxiosa; e non convivirá con ninguén afectada/o pola COVID-19 nin estará en contacto estreito nin compartirá espazo sen gardar a distancia interpersoal cunha persoa afectada pola COVID-19.

As actividades darán comezo o 22 de decembro e rematarán o 5 de xaneiro do 2022 e desenvolveranse de luns a venres (agás os días 24 e 31 de decembro). As 170 prazas de que dispón esta convocatoria totalmente gratuíta, quedan distribuídas do seguinte xeito: CEIP de Cerdeira, 20 prazas; CEIP de Laredo, 40 prazas; CEIP Outeiro das Penas, 20 prazas; CEIP Plurilingüe Porto-Cabeiro, 20 prazas; CEIP Plurilingüe Quintela, 10 prazas; CEIP Plurilingüe de Reboreda, 20 prazas e Multiúsos da Xunqueira, 40 prazas.

En canto á distribución de prazas é preciso ter en conta que poderán variar seguindo a normativa e medidas que diten as autoridades competentes en función da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19.

A concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa, salientou a importancia destas actividades “que permiten a conciliación da vida laboral e familiar no tempo de vacacións escolares e ofrecen a nais e pais unha alternativa na que as súas fillas e fillos están perfectamente atendidos por persoal cualificado”.

Nese sentido, a alcaldesa Digna Rivas subliña que estas iniciativas “non so permiten esa conciliación familiar, senón que contribúen a que rapazas e rapaces participen en actividades que, máis aló do aspecto puramente lúdico, contribúen á adquisición de valores como a solidariedade, igualdade, compañeirismo e traballo en equipo”.