Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Campaña: “Escola saudábel, Internet só por cable”

Federación ANPAS Redondela
28-04-2022
0
Campaña: “Escola saudábel, Internet só por cable”

A actual 4ª revolución industrial, publicítase, como “verde e dixital”, inocua, inmaterial e
sostíbel. Esta campaña escolar responde ás necesidades de identificar e aminorar as distintas
problemáticas da dixitalización na educación e na vida cotiá, dende a exposición ás
radiofrecuencias (dentro e fora das aulas), a profunda pegada ambiental da contaminación
dixital (enerxética e climática, e as derivadas do extractivismo mineiro e o lixo tecnolóxico),
así como das súas problemáticas asociadas (dependencia tecnolóxica e adiccións, obsolescencia
tecnolóxica e hiperconsumismo, big data e control social, …).
Este proxecto educativo en creación, está aberto á participación dos axentes implicados
(nais e pais, profesorado, alumnado) en todas as etapas educativas, Aséntase nas
numerosas alertas, recomendacións e normas bio-sostíbeis do ámbito científico, profesional
e institucional que abren reflexións sobre as pautas dun uso sobrio, adecuado á idade e
biosostíbel dos medios dixitais.
Algúns dos porqués da campaña:
Pola maior vulnerabilidade da infancia e a xuventude
As alertas temperás emitidas desde ámbitos institucionais, científicos e profesionais sobre a maior
vulnerabilidade infanto-xuvenil son unha constante desde fai décadas. Refírense aos riscos para a
súa saúde da exposición precoz e constante aos campos electromagnéticos, aos impactos do uso
precoz e abusivo das pantallas no seu desenvolvemento neurolóxico e cerebral, así como na
adquisición de condutas adictivas (redes, xogos, apostas, pornografía, ...) e as súas problemáticas
vinculadas, como o acoso cibernético. Nenas e nenos, mozas e mozos están na diana das empresas
tecnolóxicas, para captar e fidelizar o seu consumo a través de estratexias de sedución xamais
coñecidas.
Polos seus efectos sobre o ambiente e o clima
Son moitas as alertas científicas de que este proceso de hiperdixitalización, lonxe de ser
“inmaterial” ou “verde”, é profundamente enerxívoro coa súa afectación climática (incremento das
emisións de gases de efecto invernadoiro), necesita de metais e minerais cun agresivo incremento
do extractivismo e a xeración de residuos tóxicos nos procesos de elaboración dos seus
compoñentes e dispositivos, altera o espazo co seu masivo lanzamento de satélites alertado por
astrólogos e meteorólogos, así como incrementa exponencialmente o lixo terrestre e espacial
acumulado e a perda da bio-diversidade, …
Polo seu control social en detrimento da privacidade e os dereitos dixitais
As GAFAM (Google, Amazon, Facebook, Apple e Microsoft) controlan as comunicacións da gran
maioría da poboación, poñendo a súa información ao servizo de fins de dubidosa utilidade social. A
previsión de millóns de obxectos conectados ao 5G e o seu internet das cousas agravarán esta
captura desregulada de datos que, máis a intelixencia artificial, o big data e o recoñecemento facial,
posibilitará claves predictivas de control social, monitorizando ao individuo durante toda a súa vida.