Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Preséntase a campaña "Café con letras"

Concello de Redondela
07-12-2018
0
Preséntase a campaña "Café con letras"

O pasado mércores 5 de decembro presentouse no local Tía Estébana a campaña “Café con Letras”, impulsada polo Servizo de Normalización Lingüística e a Asociación de Empresarios/as de Redondela. Con ela preténdese fomentar a lectura de breves libros dedicados ao patrimonio das parroquias de Redondela. Os tres primeiros son Cesantes, Trasmañó e Ventosela.

Durante a presentación, a concelleira Teresa París destacou a importancia da posta en valor do acervo cultural de Redondela que se consegue con estas publicacións. “Cada libro contén un estilo propio. Grazas a eles podemos descubrir espazos únicos e aprender da nosa riqueza patrimonial”. Ademais adiantou que a colección continuará o vindeiro ano coa publicación de tres novas parroquias.

Pola súa parte, Xurxo Costenla, autor do libro de Trasmañó, fixo unha lembranza especial a Cecilia Gil e a José Álvarez Gil por gardaren a memoria vida desta parroquia. Explicou que, ademais do xacemento arqueolóxico de Monte Penide, tamén “existe un camiño natural ao longo do río Fondón de enorme valor natural e cunha ducia de muíños que son mostras da arquitectura tradicional”.

Finalmente, Enrique Lago, presidente da Asociación de Empresarios/as de Redondela, expresou a súa alegría pola iniciativa do concello e a boa resposta que tivera entre os cafés de Redondela. O presidente fixo fincapé na “importancia de coñecer a historia máis próxima a nós onde todas as persoas poidan contribuír coas súas experiencias e lembranzas”.

Os libros estarán presentes nun total de oito cafeterías que se ofreceron voluntarios para participar. Os exemplares poderanse ler no establecemento pero non levar consigo. As persoas que queiran levar algún poden pasar polo Multiúsos da Xunqueira ou pola Biblioteca de Chapela.